"Os nosos maiores non son negocio para as residencias"

As familiares de usuarias de DomusVi Aldán (Cangas) concentráronse no día de hoxe contra a precariedade da residencia [Imaxe: Nós Diario].

38 crespóns negros polas 38 persoas mortas nas reixas da residencia DomusVi Aldán (Cangas), nunha nova concentración organizada polas familias de persoas usuarias da residencia de maiores para denunciar a precariedade na que se volve atopar a residencia. 

Na mañá de hoxe, membros da asociación Vellez Digna, que compoñen familiares de persoas usuarias da residencia de maiores DomusVi de Aldán, en Cangas, mais familiares espontáneos concentráronse e protestaron por segunda semana consecutiva ante as portas da residencia, de 10.30 a 12.30 horas, para denunciar a precariedade na que se volve atopar este centro en relación aos servizos asistenciais que se prestan nas instalacións ás persoas anciás, e tamén para esixir información clara e transparente sobre o sucedido “no interior da residencia nos días negros de marzo e abril”, tal e como indican nun comunicado, que deron como resultado "a morte de 38 persoas", polo cal as e os familiares colocaron, como acto simbólico, 38 lazos, 38 crespóns, nas reixas do perímetro da residencia.

Após a concentración fronte á residencia DomusVi de Aldán e en declaracións a Nós Diario, Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, a plataforma que agrupa usuarias e familiares de usuarias dos centros residenciais galegos, manifestou un profundo pesar pola situación que viviron e que continúan a vivir e afirmou que seguirán coas manifestacións até que a residencia "cumpra coa lei" e "trate ben os nosos familiares”, xa que polo momento "non ocorre así”.

Bernárdez Solla denunciou que a día de hoxe aínda están sen cubrir “11 prazas de auxiliares e xerocultoras” en DomusVi Aldán, postos de traballo que están contratados, mais de baixa, e que non foron substituídos. “Os nosas familiares non poden estar atendidos a medias”, di o secretario de REDE, "sabemos que houbo melloras desde a semana pasada”, “que se contrataron máis enfermeiros” e que se puxeron “4 persoas de atención nocturna", mais trataríase de postos tirados de atención diúrna, segundo indica, polo que a residencia aínda non ten solucionado o seu problema de falta de persoal. 

Alén das denuncias por falta de persoal, con estas concentracións tamén solicitan que "os médicos visiten as residencias para valorar as consecuencias que deixaron nos residentes tanto a COVID-19, os que a tiveron, como o propio confinamento”, unha cuestión da que, segundo afirma, pouco se está a falar. “Parece que dan todo por rematado, mais iso é falso”, lamenta Bernárdez Solla. E é que máis alá das consecuencias esperábeis das persoas que sufriron o coronavirus, tamén se manifestan nas demais persoas usuarias de residencias outras secuelas "graves" que son "propias do confinamento, de xente que estivo dous meses fechada nun cuarto e que perderon as capacidades cognitivas todas”, explica o presidente de Vellez Digna. Trátase de “xente que falaba, que estaba lúcida e que agora están como vexetais”, “xente que camiñaba, que perdeu a masa muscular ao non poder moverse", explica. Así pois, desde REDE e Vellez Digna piden que se envíen equipos médicos para que deste modo se lles fagan recoñecementos ás persoas usuarias "igual que se non estivesen nunha residencia, porque son tan cidadáns como os que non están alí" porque "teñen os mesmos dereitos”, reclama Bernárdez Solla. Tamén solicitan que se lles mellore a calidade da comida e se coide a hidratación de cada residente. 

“xente que falaba, que estaba lúcida e que agora están como vexetais”, “xente que camiñaba, que perdeu a masa muscular ao non poder moverse", explica Bernárdez Solla

Durante a concentración deste domingo, as persoas manifestantes portaron cartaces onde reclaman xustiza e nos que se podían ler "38 corazóns rotos", "Os nosos maiores non son negocio para as residencias" ou "DomusVi, abandono, desnutrición". Os 38 lazos negros ocuparon as reixas da residencia en memoria das 38 persoas falecidas, "porque son 38 e non 24 como está dicindo a Xunta da Galiza", apunta Bernárdez Solla, "e é para recordarlle o número". Desde Vellez Digna afirman en declaracións a este medio que a día de hoxe aínda non saben oficialmente cal é o número real de persoas falecidas, "non sabemos por que o ocultan", din, e instan a Xunta a que confirmen e actualicen "xa" os datos das persoas falecidas en cada residencia.

En relación á homenaxe polas vítimas da COVID-19 decorrida onte, sábado 13 de marzo, na igrexa de San Francisco, en Compostela, desde REDE e Vellez Digna manifestan que non a aceptan como tal porque consideran que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, consentiu "que fosen [as vítimas das residencias] maltratadas en vida". "Non aceptamos esa homenaxe cínica", critica Bernárdez Solla, "rexeitámola" porque "non cremos que sexa sincera", apunta.

“Moitos maiores morreron sentíndose abandonados, non tiñan preto a familia, é moi duro”, confesa o voceiro de REDE. “O que pasou aquí é moi duro, mais podíase ter evitado”, di. As tres residencias das catro máis mortais da Galiza eran de DomusVi, residencias “que non cumprían coa lei e por iso se crearon nelas asociacións de familiares, en Barreiro e Aldán... e foi aí onde logo o virus campou ás súas anchas”, engade. A máis mortal foi a de San Rosendo da que desde REDE indican que non teñen tanta información ao non ser intervida pola Xunta, “nós exixímosllo, mais non se fixo”, di “supoñemos que por ser unha residencia da Igrexa e porque é onde está metida boa parte do PP, nesta suposta Fundación sen ánimo de lucro”, engade.

“Moitos maiores morreron sentíndose abandonados, non tiñan preto a familia, é moi duro”, confesa o voceiro de REDE

Por último, mediante un comunicado, REDE e Vellez Digna reivindican o fin da opacidade de DomusVi e da Xunta da Galiza e que se achegue información de varias cuestións, tales como o número exacto de persoas falecidas na residencia de Aldán; quen e por que se decidiu que na residencia de Aldán non se trasladasen as persoas infectadas aos hospitais, o que poida producir un número de mortos atroz dentro da residencia: 24; copia de todo o expediente médico dos seus familiares, seus pesos, e número de caídas no último ano; que se cree un órgano de participación e representación de familiares e residentes, semellante as AMPA dos colexios; e que se remate cos abusos económicos que rozan a estafa, e que se nos entregue unha factura detallada de cada mes e con ela copia dos recibos de cada gasto extraordinario.

Por todo isto, manifestan que continuarán periodicamente coas concentracións ante as portas da residencia.