Notificado na Galiza un caso importado do virus oropouche

Insecto 'Culicoides paraensis' (o máis pequeno na foto) e 'Culex quinquefasciatus' (o máis grande na foto). (Foto: Bruna Leis / Europa Press)

A enfermidade por virus oropouche pode manifestarse como unha enfermidade febril aguda.

O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias notificou a existencia dun caso probábel importado de enfermidade causada por virus oropouche na Galiza.

En concreto, segundo apuntaron a Europa Press fontes da Consellaría de Sanidade, trátase dun caso situado na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, que non precisou ingreso en ningún momento e que evolucionou favorabelmente.

Ante un caso importado, destaca Sanidade, a probabilidade de transmisión secundaria dentro de Europa continental considérase "moi baixa", xa que os vectores habituais desta enfermidade (mosquitos Culicoides paraensis e Culex quinquefasciatus) non están presentes aquí.

Con todo, non hai evidencia de que as especies europeas de mosquitos non poidan transmitir este virus, polo que se recomenda aos casos evitar picaduras con medidas como aplicar insecticidas e repelentes, utilizar mosquiteiras, usar roupa que cubra a pel no exterior e manter unha boa hixiene persoal.

A enfermidade por virus oropouche é unha enfermidade zoonótica transmitida pola picadura de mosquitos e causada polo virus Oropouche (OROV).

O Ministerio de Sanidade sinalou que se notificaron brotes desta enfermidade en humanos en varios países de América do Sur como Brasil, Perú, Arxentina, Bolivia e Colombia, mesmo no Caribe como Cuba, Panamá ou Trinidad e Tobago. No caso do Estado español, trátase dalgúns casos importados.

A enfermidade por virus oropouche pode manifestarse como unha enfermidade febril aguda (con cefalea, náuseas, vómitos, dores musculares e articulares) de 4 a 8 días de duración (rango entre 3 e 21 días), aínda que ocasionalmente pode provocar síntomas máis graves (por exemplo, hemorraxias e meninxites).