Unha nova empresa reforzará a recollida de lixo na Coruña após declararse a emerxencia sanitaria

Montón de lixo na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
A empresa Valoriza comezará a traballar "ao longo do día de mañá -quinta feira-". Achegará "un mínimo de 13 vehículos e 32 operarios".

O Concello da Coruña encargou á empresa Valoriza o reforzo da recollida de lixo nas rúas da cidade herculina durante a emerxencia sanitaria, declarada a pasada segunda feira pola acumulación de residuos na vía pública desde que comezou a folga no servizo o pasado 24 de xuño.

Segundo informa o Consistorio, entre as dúas ofertas presentadas para reforzar a recollida e transporte de residuos seleccionouse a Valoriza porque, "entre outros requisitos, contaba cos medios para comezar o servizo de forma inmediata".

A empresa comezará a traballar "ao longo do día de mañá -quinta feira-", asegura. Achegará, engade, "un mínimo de 13 vehículos e 32 operarios" para realizar os traballos, que comezarán por "os puntos identificados con maior cúmulo de residuos e nos lugares máis sensíbeis, como as contornas dos centros de saúde".

A compañía prestará servizo "mentres dure a actual situación e non finalice a emerxencia sanitaria".

Este contexto débese a unha folga iniciada o pasado 24 de xuño, promovida pola organización sindical maioritaria no comité, o Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL), con motivo de "despedimentos inxustificados", "externalización de servizos" e "incumprimentos" do convenio.

A concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, Prezero, comunicou 29 sancións graves esta terza feira, día 23, "que supoñen a suspensión de emprego e soldo de seis a dez días en función do número de infraccións cometidas en cada caso". Mentres, segue o lixo acumulado en contedores e ao seu ao redor pola rúas da cidade herculina.

Ademais, iniciáronse "dez novos expedientes disciplinarios por faltas moi graves" e a adxudicataria "segue coa tramitación regulamentaria dos expedientes disciplinarios a tres membros do comité de empresa". Así o confirmaron fontes próximas consultadas por Europa Press.