Nova repunta de contaxios na Galiza mentres os casos activos seguen a baixar

​Micrografía electrónica de coronavirus SARS-CoV-2 enfectando célula (NIAID-NIH)
Faleceron 1.039 persoas.

Os contaxios de Covid-19 volveron a se incrementar tras outros 523 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas na Galiza, mentres os casos activos de coronavirus seguen en descenso e sitúanse en 9.554, o que supón 315 menos.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta quinta feira na páxina web da Consellería de Sanidade con cifras até as 18:00 horas de hoxe, recollidos por Europa Press, nos que se inclúen 143 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas na área sanitaria de Vigo; 122 na da Coruña e Cee; 66 na de Pontevedra e O Salnés; 65 na de Lugo; 62 na de Santiago e Barbanza; 41 na de Ourense e 24 na de Ferrol.

Até a data realizáronse na Galiza 772.344 PCR, o que supón 8.128 máis que a xornada anterior

En canto aos casos activos, descenden nas 7 áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza ao rexistrar 2.426 -37 menos que onte-; seguida da da Coruña e Cee, con 1.855 -66 menos-; a de Pontevedra e O Salnés, con 1.250 -13 menos-; a de Santiago, con 1.148 -38 menos-; a de Lugo, con 1.064 -65 menos-; a de Ferrol, con 931 -47 menos- e a de Ourense, que conta con 880 -49 menos-.

A cifra de pacientes hospitalizados tamén se reduciu, levemente en planta, con 516 ingresados (2 menos) e de forma máis notábel nas UCI, onde hai 5 pacientes menos, ata un total de 90. 

Até a data realizáronse na Galiza 772.344 PCR, o que supón 8.128 máis que a xornada anterior, e 408.165 probas serolóxicas -610 máis-.

Galiza suma 43.575 contaxiados desde o inicio da pandemia pola Covid e 1.039 persoas falecidas, após as 15 vítimas mortais notificadas por Sanidade na tarde desta cuarta feira, delas media ducia vinculadas a residencias.

Deste modo, Galiza rexistrou 15 falecidos por segundo día consecutivo, que representa unha das maiores cifras da segunda onda da pandemia. Todas as persoas mortas presentaban patoloxías previas.