Nova vaga de solidariedade (que non cesa) con Palestina: "O pobo galego identifica ben cales son as causas xustas"

Concentración na praza Roxa de Compostela, hoxe. (Foto: Nós Diario)
Arredor de 30 localidades da Galiza acolleron mobilizacións en rexeitamento do xenocidio que o Estado sionista de Israel está a exercer sobre o pobo palestino. Nas rúas galegas escoitáronse esta segunda feira peticións de responsabilidade aos gobernos, así como a fin do colonialismo, o apartheid e a ocupación israelí.

"Manifestarse todas as semanas pode resultar pesado, pero a situación non é para menos: é excepcionalmente grave, excepcionalmente dolorosa". Máis unha vaga de mobilizacións en solidariedade co pobo palestino e contra a agresión do Estado de Israel decorreu esta segunda feira na Galiza. Unhas 30 localidades galegas acolleron concentracións en rexeitamento da ocupación do territorio palestino polo Estado sionista de Israel, na quinta convocatoria de ámbito comarcal que, coa de hoxe, suma xa máis dun cento de actividades nas últimas cinco semanas.

Unhas actividades que parten non só de asociacións de solidariedade, senón tamén de diferentes sectores do país. "Isto demostra que o pobo galego é un pobo que identifica ben cales son as causas xustas", afirma a Nós Diario Óscar Valadares, portavoz da plataforma internacionalista Mar de Lumes, que define o pobo galego como "capaz de sentir a dor e as cadeas doutros pobos", algo que no caso de Palestina "emerxe de maneira especialmente viva".

Mobilizacións en Vilagarcía, A Coruña e Allariz.

Así, baixo o lema 'Stop Xenocidio. Galiza con Palestina', Mar de Lumes, Galiza por Palestina, BDS Galiza e a Asociación Galaico Árabe Jenin mobilizaron esta segunda feira a veciñanza galega como mostra da súa repulsa á agresión que o pobo palestino sofre por parte de Israel, uns ataques que xa superaron a cifra de 11.000 mortos  en Palestina desde o 7 de outubro e coa impunidade da comunidade internacional.

As mobilizacións de hoxe non só denunciaron o proceder do exército israelí sobre a Faixa de Gaza e as décadas de "ocupación, colonialismo e apartheid" que o Estado de Israel impón ao pobo palestino. Alén diso, milleiros de galegas e galegos reclamaron as responsabilidades "que son, por unha parte, dos perpetradores do xenocidio, o Estado de Israel, e, por outra, de quen pensa que non vai consigo e mira para parte", explica Valadares. 

Responsabilidades

O portavoz de Mar de Lumes pon o foco "en quen nos goberna": a Xunta da Galiza, o Estado español e a Unión Europea, que "se limitan a facer absolutamente nada. De que serve que tripliquemos a axuda humanitaria do Goberno español se despois esa axuda fica encallada no paso fronteirizo de Rafah?". "Temos que pórnos de fronte aos agresores reclamando a fin do xenocidio e responsabilidades penais", sentenza Valadares.