Nove familias sen casa cada día na Galiza

Imaxe: plataforma Stop Desafiuzamentos Compostela
A Rede Galega contra a Pobreza, UGT e CC.OO. emprenden unha campaña de recollida de sinaturas até xuntar as 500.000 que cómpren para rexistrar unha ILP no Congreso. Perseguen que a dación en pago sexa a fórmula a aplicar a aquelas persoas que non poden afrontar a hipoteca. Desempregad@s de longa duración, persoas inmigrantes e familias monoparentais son os colectivos máis afectados

Entre o nacemento e a posta do sol nove persoas, ou nove familias, fican sen casa na Galiza. Son os cálculos que a Rede Galega contra a Pobreza, Comisiones Obreras e UGT fixeron co obxectivo de xuntar as 500.000 sinaturas que cómpren para rexistrar unha ILP --Iniciativa Lexislativa Popular-- no Congreso para que a dación en pago supoña, en todo caso, a cancelación da hipoteca.

Procúrase, alén disto, que se promovan os alugueiros sociais e que se freen os desafiuzamentos, pois no País galego rexistráronse no que vai de ano un total de 1.370 fronte aos 2.000 do ano pasado. Diante deste panorama, as tres organizacións cadran ao sinalar que a cifra de 2011 "será amplamente superada".

A campaña para a recollida de sinaturas chega agora a Galiza, despois de arrincar en Catalunya, en Castilla-León e en Asturias. O prazo de recollida durará até outubro e a colaboración pode chegar a través de formularios, mais tamén na rede. O presidente da Rede Galega contra a Pobreza, David Silva, sinalou que os desafiuzamentos afectan fundamentalmente aos colectivos máis vulnerábeis: desempregad@s de longa duración, familias monoparentais e persoas inmigrantes.

Pola súa banda, desde UGT, a secretaria de Servizos Sociais e Políticas de Igualdade, Carmen Brea, fixo especial fincapé en que no pasado ano foron cinco, e non nove, as persoas que perderon a casa cada día no noso País. O aumento dos desafiuzamentos desde 2007 é do 185%, o que supón multiplicar por tres estas prácticas. Por isto, o sindicato chamou a unha modificación da lei para que a dación en pago pase a ser "a fórmula preferente" para as familias que non poden afrontar a hipoteca.

Unha mudanza, desta volta nas normas e para garantir a defensa d@s afectad@s, foi o que reclamou tamén CC.OO. por boca da secretaria de Política Social e Igualdade, Adela Poisa. Así mesmo, subliñou que, de se mobilizaren as vivendas que os bancos teñen no seu haber "gran parte do problema ficaría resolto". Cabe sinalar que boa parte destes inmobles van parar ao haber da banca precisamente froito dos desafiuzamentos.