Que cambia no novo decreto de becas e axudas ao estudantado?

Estudantes nun instituto de Catalunya nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O Executivo estatal prevé aprobar hoxe o novo decreto que regula as becas ao estudantado.

O Goberno español aprobará previsibelmente nesta terza feira o novo decreto de becas e axudas para o estudantado, que será aplicábel a partir do curso académico 2022-2023, e que repercutirá nun millón de estudantes do Estado aproximadamente. Mais, que cambia con respecto ao anterior decreto de axudas á educación?

A principal novidade é que a convocatoria adiántase até o mes de marzo, no canto de semtembro, como era habitual até agora. O Executivo estatal di responder con esta medida á petición de familias e o propio estudantado de coñecer se son perceptores das becas antes de proceder coa matriculación nos correspondentes niveis educativos.

Con este cambio, o alumnado saberá no mes de xullo cal é a resolución da solicitude dunha beca para a axuda no estudo. Tamén se indicará a cantidade a percibir, que cobrarán posteriormente.

Neste sentido, o Ministerio de Educación e Formación Profesional (FP) destaca que o novo decreto estabelece unha dotación de 2.134 millóns de euros para fornecer as becas.

Mantéñense anteriores cambios

De aprobarse o novo decreto de becas ao estudantado, manterase o aumento da contía das becas base para FP, que subiu dos 300 aos 350 euros. Asemade, as contías fixas tamén terán un incremento de 100 euros.

A nota media para acceder a estas seguirá a manterse no 5, e o Goberno español elevará o umbral de renta 1. En canto a estudantes vítimas de violencia de xénero, xa non deberán acreditar que un menor rendemento académico ten como causa a violencia sufrida para poder acceder ás becas no caso de non cumprir o mínimo exixido.

A ministra de Educación, Pilar Alegría, cualificou o novo decreto como "histórico", xa que "recolle unha inversión extraordinaria". "Nunca no Estado español investírase a cantidade de 2.134 millóns de euros en becas", afirmou Alegría.