Novo asasinato machista na Coruña

Cartaz contra a violencia machista nunha protesta recente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A sede da Delegación do Goberno do Estado na Galiza na Coruña acolle na mañá desta segunda feira unha concentración de rexeitamento diante dun novo crime machista executado na Coruña.

O acto de protesta desenvolverase ás 12:30  desta segunda feira e estará presidido pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Precisamente, as redes sociais da Delegación do Goberno do Estado na Galiza cualificaron este novo asasinato como un “crime machista” na convocatoria da concentración desta mañá.

As informacións achegadas por fontes da investigación sinalan que o crime produciuse na noite da quinta á sexta feira, sendo detido o responsábel do asasinato na tarde da sexta feira.

A persoa detida é un home de 76 anos e a vítima a súa parella, unha muller de 74 anos que residía canda o asasino nunha vivenda do barrio coruñés de Labañou.

O presunto asasino pasou a disposición xudicial na tarde do sábado, declarando posteriormente o seu ingreso en prisión provisional a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña.

As fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) apuntaron que o xulgado competente investiga o crime como homicidio.