Novo aumento de contaxios, casos activos e ingresos na UCI na Galiza ás portas da Noiteboa

Unha farmacéutica toma unha mostra de sangue para realizar un test de cribado en Barbadás (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A taxa de positividade mantense baixa (3,7%) e baixa o número de persoas hospitalizadas en planta.

Repunta de casos activos, contaxios e ingresos en UCI por mor da Covid-19 na Galiza neste día de Noiteboa. Galiz achégase á xornada de nadal, día 25, cun aumento en casos activos. Hai 5.655 persoas contaxiadas da Covid-19, o que supón 90 máis ca onte. O aumento dos novos contaxios desta xornada (+451, 394 confirmados por PCR) están en niveis de finais de novembro.

Ademais, as máis de 10.000 probas PCR realizadas deixaron 394 positivos, un incremento de perto de 100 respecto á xornada anterior. As áreas sanitarias con máis positivos por PCR son a de Vigo e a de Santiago.

Tamén subiron os positivos nas áreas de Pontevedra-O Salnés, até os 53 (+28); en Ourense-Verín-O Barco, até 34 (+12); en Lugo-A Mariña-Monforte, 34 tamén (+8); e na de Ferrol, até os 18 (+3).

Segundo os últimos datos notificados polo Sergas, a cifra de persoas hospitalizadas na Galiza é de 337: 286 en planta (-7) e 51 nas UCI (+3). Non había cifras así de ingresos en planta dende o 20 de outubro.

Doutra banda, unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Galiza continúan en aumento e ascenden xa a 1.354 tras a morte de catro persoas notificada nas últimas horas, dúas delas relacionadas con residencias de maiores.