Sanidade pública

Denuncian un novo "colapso" no hospital oncolóxico do CHUS

O corredor de acceso ao Hospital de Día Oncolóxico do CHUS, ateigado esta quinta feira. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
"Habilítanse como zona de espera dous corredores de paso fóra do propio Hospital que non contan con acceso directo aos aseos e á área de admisión, e non dispoñen de fonte de auga fría e televisión", critica a Asociación de Pacientes.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia esta quinta feira, a través da información remitida por un doente, máis un caso de "saturación e colapso" no Hospital de Día Oncolóxico do recinto compostelán, o pasado 29 de maio, con "ducias de persoas agardando durante horas" os procesos de atención nos corredores adxacentes ao servizo. Xa en 2016 o colectivo denunciaba as "precarias condicións materiais" que, aseguran, teñen que soportar as e os pacientes cando acoden periodicamente para recibir o tratamento de quimioterapia, que incumprirían os estándares de calidade fixados polo Ministerio de Sanidade en 2009.

As salas de espera deberán ser adxacentes á área de admisión, ser confortábeis, dotadas de aseos e fontes de auga fría, cunha previsión de 1,5 asentos cómodos por paciente que se atope en calquera área da unidade, acceso directo desde o vestíbulo de entrada, permitindo o contacto visual co mostrador de recepción, e acceso á zona do Hospital de Día, especialmente ás consultas e postos de tratamento, lembran. Por outra parte, o mostrador de admisión debe estar deseñado de tal forma que permita un certo grao de intimidade no momento de producirse a recollida de datos.

"Nada disto se cumpre no CHUS", censuran, alegando que as dúas salas de espera que dan acceso ao mostrador de admisión son "manifestamente insuficientes". "Habilítanse como zona de espera dous corredores de paso fóra do propio Hospital que non contan con acceso directo aos aseos e á área de admisión, e non dispoñen de fonte de auga fría e televisión", proseguen.

Un dos corredores conta con pantallas de avisos que non son visíbeis desde calquera punto da zona de espera, "debendo os pacientes ou os acompañantes erguerse reiteradamente para poder ver os que se van producindo", o mostrador de recepción "non ten as dimensións necesarias que garantan un mínimo de intimidade", os asentos de madeira "non cumpren os requisitos de confortabilidade" para pacientes que padecen unha doenza "tan dura física e emocionalmente como o cancro" e que soportan até "10 ou 12 horas de espera" até rematar o tratamento, incide a asociación.

"Debemos aclarar que as obras que están agora en fase de licitación, consistentes na conversión en sala de espera oncolóxica dunha terraza na planta 1ª-D, realízanse fóra do Hospital de Día, situado na planta baixa e, polo tanto, non teñen como obxecto adaptar a súa estrutura e medios materiais ás recomendacións fixadas polo Ministerio, que alude a unha unidade funcional fisicamente integrada que evite desprazamentos e lles permita aos pacientes ter visión directa a todas as áreas de atención desde calquera punto da zona de espera", critican.

A sala proxectada, precisan, "dá a un amplo corredor da planta de docencia e investigación transitada diariamente por centos de persoas; os pacientes, unha vez que son avisados polos monitores, deben percorrer toda a á, tomar o ascensor a planta baixa e acceder ás instalacións do Hospital de Día, que non verá modificada a súa estrutura actual nin melloradas as súas condicións materiais".

"Consideramos que o xefe do servizo, galardoado o ano pasado coa Medalla Castelao en atención aos principios deontolóxicos da profesión médica colexial, non debería tolerar o maltrato asistencial que as mencionadas condicións materiais comportan para o paciente e agardamos que a nova xerencia estea disposta, no futuro, a escoitarnos, porque a experiencia dos pacientes e usuarios forma parte do diagnóstico dos problemas e debe integrar os termos das posíbeis solucións", conclúen.