O novo conselleiro aínda non contactou cos representantes do persoal do Sergas

Antonio Gómez Caamaño colleu a remuda de Julio García Comesaña á fronte da Consellaría de Sanidade. (Foto: Xunta da Galiza).
Os sindicatos da mesa sectorial reprochan a Caamaño o "esquecemento"

O novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, tomou posesión oficial oficial do cargo o pasado 15 de abril, hai case tres semanas. Mais neste tempo non tivo oco para contactar cos sindicatos que fan parte da mesma sectorial do Servizo Galego de Saúde (CIG, CSIF, CCOO, UGT).

Isto é o que denuncian esas centrais, que a través dun comunicado informaban esta sexta feira que "a realidade é que a día de hoxe non houbo contacto ningún por parte do Gabinete da Consellaría de Sanidade cos lexítimos representantes das traballadoras e traballadores".

Os representantes do persoal queren lembrar ao novo conselleiro que "o principal valor da sanidade pública galega son as e os profesionais" que a integran e fan parte da mesma. 

Lamentan, ademais, "que no acto de presentación o novo conselleiro [que decorreu esta sexta feira, 2 de maio] a pesar de falar de diálogo, escoita e cooperación, esqueza unicamente o persoal da sanidade pública."

Un "lapso"

"Agardamos que tan só sexa un lapso e que os responsábeis do Goberno da Galiza lembren que existe un foro lexitimamente constituído e representantes dos traballadores e traballadoras legalmente elixidos para tratar e negociar as condicións laborais do persoal, máis alá dos contactos que poidan manter con calquera outra asociación ou organización", conclúen o comunicado.

Gómez Caamaño avanzou na súa comparecencia que habería cambios, entre outras cuestións, nas xerencias dalgunhas áreas sanitarias. O que tamén mudou desde a súa chegada foi a cúpula do Sergas, destituíndo os anteriores responsábeis.