Un novo piso turístico cada cinco horas

Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Na Galiza hai rexistradas 15.391 vivendas de uso turístico (VUT) que supoñen 81.531 prazas, o que representa 13% máis de inmóbeis que hai un ano —13.502— e 27% de aumento respecto de hai dous. Mentres, o prezo do aluguer dun piso residencial aumentou nestes anos na Galiza por riba de 16%.

En outubro de 2019 había na Galiza 5.400 vivendas de uso turístico (VUT). Facíase daquela un ano da entrada en vigor do decreto que regulaba este tipo de vivendas no país e xa existía un debate sobre o impacto deste tipo de inmóbeis e a necesidade dunha maior regulación. Desde entón a cifra de VUT aumentou en 285%, case triplicou. Só entre xullo de 2021 e o presente mes o número destes pisos aumentou en 1.886, até chegar aos 15.391. Isto é, nestes doce meses, de media, cada cinco horas rexistrouse un novo piso para o uso turístico. 

"Temos que preguntarnos cal é a capacidade máxima que a Galiza pode admitir deste tipo de vivendas", sinala a Nós Diario o catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago, Rubén Lois, organizador dunhas xornadas na USC  nas que neste ano debateron como combater as vivendas turísticas e a xentrificación das cidades. "Estase a dar un crecemento exponencial, sobre todo nalgunhas cidades e en áreas como as Rías Baixas", advirte o profesor universitario.

 As sete principais cidades galegas suman por volta de 3.000 destes inmóbeis, que fornecen máis de 13.000 prazas. 

Neste sentido, en catro desas sete cidades —Compostela, Vigo, Pontevedra e Lugo— as prazas para aluguer vacacional superan as que hai en inmobiliarias para aluguer residencial. "É máis doado que un turista atope un piso para alugar e botar aquí uns días que o atope un veciño para vivir unha tempada", recoñece a este medio a administrativa Eva Montouto, en referencia a Compostela. Ela optou este ano por vivir de aluguer nunha das localidades da contorna compostelá após 15 anos na capital galega. O inicio do verán estivo marcado pola imaxe de colas de estudantes universitarios agardando ante as inmobiliarias na procura dun piso para o curso.

Prezos e "expulsión" da veciñanza

“No centro das cidades, mesmo nas compactas, hai fenómenos como a xentrificación ou os apartamentos turísticos que provocan unha revalorización dos alugueres”, apunta Rubén Lois, que a respecto da regulación existente para este tipo de inmóbeis considera que "se debería facer máis". Neste sentido, engade, a normativa autonómica "é xenérica" e os concellos, "que é onde podes incidir máis na regulación a través das ordenanzas municipais", adoptan diferentes posicionamentos ao respecto. "Deberían fixarse normas claras, por exemplo, que só se permita un piso de aluguer para turismo por cada certo número de vivendas", afirma. O profesor da USC resolve que “o negocio é incompatíbel co dereito da cidadanía a vivir no núcleo urbano”, o que xustifica a aposta por “analizar políticas públicas que sexan renovadoras e poñan couto á expulsión das e dos residentes”, así como comprobar como estas medidas “poden limitar as vivendas turísticas e a entrada de grandes operadores”.

O problema da vivenda

O aumento da oferta de aluguer  vacacional contrasta coa escaseza no aluguer residencial. A porcentaxe de vivenda pública en aluguer no total do Estado español é de 24% mentres que na Galiza esta porcentaxe cae por baixo do 4%. Así pois, a taxa de vivenda de protección destinada a alugueiro no Estado é seis veces maior que a da Galiza, cunha diferenza que supera os 20 puntos.

Na Galiza hai rexistradas 15.400 vivendas para usos turísticos, 13% máis que hai un ano

Por outra parte, aínda existindo unha importante demanda, na Galiza, que representa 5'7% da poboación do total do Estado español, tan só se constrúen 1'5% de todas as vivendas deste tipo no territorio estatal.

Segundo o Rexistro Único de Demandantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a finais do ano 2021, estaban rexistradas 14.833 persoas como demandantes de vivendas de promoción pública na Galiza, tanto para aluguer como para compra. Nese momento, a oferta da Xunta da Galiza dispoñíbel en ambos os dous réximes era de apenas 3.800.

En aumento

O Observatorio da Vivenda da Galiza do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta da Galiza recolle como, entre xaneiro de 2017 e xaneiro de 2022, o prezo do aluguer aumentou en 16,2%.  Só no segundo semestre deste ano, o custo da vivenda en aluguer medrou 5% na Galiza, segundo o último informe publicado polo portal inmobiliario Idealista. O prezo das vivendas en aluguer na Galiza incrementou entre abril e xuño até atinxir os 8 euros o metro cadrado.

Os datos fornecidos pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegeim) sinalan que 38% das familias galegas destinan de media ao pagamento dos alugueres máis de 25%  dos seus ingresos.