Un novo prisma para reflexionar sobre os feminismos ibéricos

Mobilización feminista

O Centro Cultural Português Camões de Vigo ofrecerá esta sexta feira un coloquio internacional arredor dos discursos e accións políticas das feministas lusas

A Cátedra Internacional José Saramago e mailo grupo de investigación BiFeGa, da UVigo, organizan unha xornada de formación motivo da publicación do libro ‘Uma Nova História dos Feminismos Ibéricos’. Será esta sexta feira 13 de abril no Centro Cultural Português Camões, na praza Tenente Almeida de Vigo. No encontro participarán as editoras, Silvia Bermúdez e Roberta Johnson, amais de varias contribuidoras ao volume.

 

Esta colección de textos –a maior e máis completa antoloxía de feminismos ibéricos até a data– aborda a historia do pensamento feminista na Península Ibérica incluíndo Portugal e as nacións do estado español –Euskal Herria, Catalunya, Galiza– desde o século XVIII até a actualidade. As tensións e dinámicas que experimentou o movemento feminista, en conflito coa tradición e o dominio social da Igrexa católica, serán tratados en profundidade durante a xornada da sexta feira.

 

O coloquio dará inicio ás 10 da mañá, cando Carla Amado (co Centro Cultural Portugués Camões) e Burghard Baltrusch (da Cátedra Internacional José Saramago) inaugurarán o programa, que será seguido pola apresentación dos volumes A New History of Iberian Feminism e Contextualização: De El feminismo ibérico (1970) a Una nueva historia de los feminismo ibéricos (2018)

 

A mediodía, Vanda Anastácio (da Universidade de Lisboa) ofrecerá o relatorio ‘Antes de ser já o era? Pensar o feminismo em Portugal antes de 1800’. A cervense Olga Castro, profesora da Aston University de Birmingham, collerá posteriormente a quenda da palabra para falar sobre ‘Discursos feministas na Galiza de comezos do S. XX: entre o feminismo ‘españolista’ e o nacionalismo galego’.

 

Xa de tarde, a partir das 16:00 horas, Ana Paula Ferreira –University of Minnesota– achegará unha reflexión sobre ‘Feminismos no Portugal pós-colonial”. Seguiráa a mesa redonda ‘Feminismos Ibéricos desde a Transición / o 25 de Abril até hoje’, coa participación de Vanda Anastácio, Silvia Bermúdez, Olga Castro, Ana Paula Ferreira e María do Cebreiro Rábade Villar. O evento pechará cun recital de poesía galega e portuguesa. Aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do enderezo de correo electrónico catedrajosesaramago@gmail.com.