Novos focos de coronavirus en Chandrexa de Queixa e O Carballiño

Test de coronavirus (Europa Press)

Tres persoas permanecen illadas no Carballiño, nun novo contaxio familiar de coronavirus. Trátase dun home que viaxara a Galiza desde Santo Domingo, e que se convertía onte no primeiro caso positivo detectado nunha PCR preventiva polo novo rexistro de viaxes, e mais dous membros da súa familia. Ademais, o Sergas detectou este domingo un surto con catro casos en Chandrexa de Queixa. 

Neste último caso, as persoas afectadas son viaxeiras que chegaran recentemente desde Catalunya e Aragón, e permanecen en corentena en Chandrexa de Queixa.

Fontes sanitarias informan este domingo de que estes catro casos positivos detectados atópanse illados no domicilio e, tamén neste caso, teñen relación familiar entre eles. A detección dos novos casos provocou que se active o protocolo de seguimento dos contactos destas persoas para tratar de evitar máis contaxios.

Ademais, o 091 está a buscar unha parella belga que debía someterse a unha proba PCR no hospital do Barbanza e non o fixo. Responsábeis do centro hospitalario deron aviso dos sucedido tanto á Policía como ao servizo de saúde pública. Axentes tratan agora de localizar estas dúas persoas perante a posibilidade de que poidan ser portadoras do virus sen diagnosticar.

'Caso Fuenlabrada'

Por outra banda, outros sete membros da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada que seguían confinados nun hotel da Coruña recibiron este domingo o alta epidemiolóxica, dos 13 que aínda permanecían nesta situación.

A pasada sexta feira recibiran xa a alta 33 dos 46 membros da expedición, que estaban illados despois dun brote que contaxiou 18 dos seus integrantes. Ao recibir o alta epidemiolóxica, estas sete persoas poderán abandonar o hotel NH Finisterre, onde seguen someténdose ao control das Autoridades sanitarias galegas outras seis persoas.

En total, os integrantes da expedición do Fuenlabrada desprazada á Coruña infectados por coronavirus chegaron a ser un total de 18, tras ser diagnosticados seis novos positivos a principios desta mesma semana. A eles hai que engadir os catro membros do persoal que xa non puideron viaxar á Galiza.

En total, o club chegou a situar en 26 os positivos por coronavirus entre os seus xogadores e corpo técnico e mesmo un dos seus xogadores, que estaba confinado na Coruña, chegou a ter que ser hospitalizado, aínda que xa recibiu esta semana o alta hospitalaria.