O fume dos incendios do Canadá cruza o Atlántico e chega á Galiza

Os incendios do Canadá trasladan unha nube de fume até Vigo. (Foto: Meteogalicia)
Máis de 5 millóns de hectáreas foron consumidas polas lapas nos últimos días.

Unha gran nube de fume procedente dos incendios que están a sacudir fortemente Canadá este mes alcanzou nas últimas horas a costa galega, puidendo apreciarse a primeira vista nos ceos da Galiza, a uns 5.000 quilómetros de distancia. Os centos de fogos que aínda seguen activos consumiron até o momento máis de 5 millóns de hectáreas —100 veces a superficie afectada en territorio galego ao longo de todo o pasado ano—.

As partículas en suspensión producidas polos incendios do país norteamericano, informaron desde Meteogalicia, lograron cruzar o océano Atlántico e chegaron á Galiza en forma dunha gran nube desde o sector noroeste.

Segundo aclaran as persoas expertas, esta nebulosidade sitúase nas capas máis altas da atmosfera e non supón ningún risco para a poboación. As mellores horas para vela son as primeiras da mañá ou á noitiña.

A pesar de que o cualifican de "anécdota", desde Meteogalicia puxeron en valor a tecnoloxía actual, que permite visualizar onde se atopan estes fumes e o percorrido que previsibelmente farán nas seguintes horas.

Precisamente, o observador europeo Copernicus mostra que esta nube de fume manterase no ceo do norte da península Ibérica durante, cando menos, dous días máis, se ben irá esvaecendo co paso das xornadas.