Ignacio López-Goñi, catedrático de Microbioloxía: "O número de doentes de coronavirus curadas aumenta"

Ignacio López-Goñi, catedrático de Microbioloxía na Universidade de Navarra (Javier Bergasa).
Ignacio López-Goñi é catedrático de Microbioloxía na Universidade de Navarra e divulgador científico. É autor do libro Virus y pandemias, un traballo no que explica que son os virus, como se orixinan e cales son os mecanismos polos que se rexen enfermidades infecciosas como a gripe, o ébola ou a Sida. É un dos maiores expertos na materia.

Fronte ao número de casos, á transmisibilidade sostida e ao avance simultáneo do coronavirus, hai motivos para o optimismo?
Estamos ante un problema serio, e por primeira vez vivimos unha epidemia en tempo real. Todos os medios de comunicación de todo o planeta falan do coronavirus todos os días. E vemos como suman á lista un caso detrás doutro. É información, e é importante, pero sacada de contexto crea unha ansiedade enorme.

Mais nunca estivemos mellor preparadas que agora para enfrontarnos a unha epidemia coma esta. En primeiro lugar, coñecemos o virus. Pode parecer obvio pero cando se detectaron os primeiros casos da Sida tardamos case dous anos en identificalo. A China alertou a finais de decembro de varios afectados por unha pneumonía severa que non podía identificar. O 7 de xaneiro xa se sabía que virus a provocaba. Tres días máis tarde tiñamos o xenoma e sabiamos que era un coronavirus, emparentado co SARS que provén dos morcegos. Tal cantidade de información permitiu desenvolver en poucos días o test de diagnóstico que agora se emprega en todo o mundo.  

Esta dinámica forma parte do mecanismo de prevención e control de enfermidades?
O sistema de ciencia e tecnoloxía púxose a traballar de inmediato. Iso é unha boa noticia. Na actualidade hai máis de 150 artigos científicos relacionados co novo coronavirus, algo que nunca ocorreu na historia. A ciencia dispúxose por enteiro para intentar descubrir como solucionar este problema. Temos artigos que teñen que ver coas vacinas, cos tratamentos, coa epidemioloxía, con aspectos clínicos, co diagnóstico. E toda esta ciencia está en aberto, dispoñíbel para toda a comunidade científica, o que fai que a ciencia vaia aínda máis rápido. Tamén á hora de dar cunha vacina eficaz. A investigación está moi avanzada. Hai varios grupos que xa traballaban nesta solución, que o tiñan todo preparado e que só tiveron que mudar de virus.

Agora están en condicións de presentar prototipos de vacinas para este coronavirus nun tempo récord. É verdade que pode tardar máis dun ano porque haberá que ver que funcione, sometela ás probas de seguridade, definir unha lexislación moi exhaustiva. Con todo, o máis importante, chegado o momento, vai ser poñer a disposición de todo o mundo esa vacina, sobre todo naquelas zonas do planeta máis desfavorecidas e onde os problemas sanitarios son maiores. 

Quen asumiu a tarefa de investigar unha vacina eficaz?
Sobre todo os laboratorios privados e as universidades, mais tamén empresas biotecnolóxicas. Hai unha universidade en Australia que conta cun sistema novo para producir vacinas. No Estado español, quen se encarga é o grupo de Luis Enjuanes e Isabel Sola, do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC. 

Ademais da investigación, a clínica das doentes é outro indicador. Que camiño sinala?
80% dos casos son leves. O problema é que 20% dos casos pode cursar cunha pneumonía, e arredor dun 3% pode chegar a ser mortal. Estes casos máis graves requiren hospitalización, e un dos problemas detectados que máis preocupa é que esta deriva chegue a colapsar os sistemas sanitarios. De feito, vese que a mortalidade asociada a este virus é maior en países onde os sistemas sanitarios son máis débiles. 

Doutra banda, é importante resaltar que a xente cura. Sempre nos están dando as cifras de infectados e o número de falecementos pero hai 13 veces máis pacientes curados que falecidos. E van en aumento. Outro dato interesante é que só 3% dos casos se dá en menores de 20 anos. Ademais, a mortalidade en menores de 40 é só de 0,2%. Son datos que nos axudan a ver que non todo é negro neste problema.

Que medicamentos se usan coas pacientes ingresadas?
Máis aló dos tratamentos propios dunha pneumonía clínica, en principio, non hai un antiviral específico contra este coronavirus. Pero existen máis de 80 ensaios clínicos con substancias que sabemos que funcionan con outros virus que se están probando con este. Por exemplo, o remdesivir, un antiviral de amplo espectro que xa se usou contra o ébola e o SARS/MERS e parece que podería funcionar. Outros son dous inhibidores da proteasa empregados para combater o virus da Sida, o Lopinavir e o Ritonavir. Hai motivos para optimismo na medida en que temos un arsenal de antivirais que podemos probar contra este virus. 

Que cambiará se a OMS declara pandemia o coronavirus?
Pandemia é unha referencia á extensións xeográfica e á transmisibilidade do virus. Non significa que sexa máis virulento, máis perigoso nin que produza máis mortos. Pandemia significa transmisión sostida, eficaz e continua da doenza en varios continentes. O máis importante é todo o anterior que explicamos, ao virus dálle igual como lle chamemos.