O número de fogares galegos nos que non entra ningún ingreso aumentou en 3 ao día en 2023

O aumento dos prezos bate na economía familiar (Foto: Denys Kurbatov)

Hai 28.500 fogares onde ningún integrante percibe salario, pensión, ou prestación de desemprego

No ano 2023, a pesar dos datos e estatísticas que apuntaban unha mellora do mercado laboral e da recuperación da actividade económica, na Galiza aumenta o número de fogares sen perceptores de ingresos, segundo recolle o Consello Económico e Socialm (CES) na súa memoria anual.

Ao remate do ano rexistráronse 28.500 fogares nos que non existen ningunha persoa perceptora dun ingreso salarial ou dalgún tipo de pensión ou prestación por desemprego, 1.300 fogares máis que no ano 2022. A porcentaxe de fogares sen ingresos na Galiza, porén,é baixa, de 2,5% do total de vivendas, unha décima máis que no ano anterior.

Nesta porcentaxe hai que ter en conta que, para que as persoas que residan nunha vivenda formen parte do mesmo fogar deben compartir gastos e orzamento, por tanto nunha mesma vivenda poden residir máis dun fogar.

Ante esta evolución, o Consello Económico e Social (CES) considera necesario analizar as causas desta situación, así como urxente adoptar medidas que afronten este problema.

O citado aumento no número de fogares sen perceptores de ingresos rexístrase en todas as provincias agás na Coruña. A provincia da Coruña re‐xistra en 2023 un total de 1.600 fogares sen perceptores de ingresos menos que no ano anterior (15% menos que no ano 2022).

Nas tres provincias restantes rexístranse incrementos no numero de fogares sen perceptores de ingresos, en concreto a provincia de Pontevedra rexistra 1.500 máis (13,4%), Ourense 800 máis (28,6% máis) e Lugo 600 fogares sen ingresos máis que no ano anterior (24% de incremento interanual).

No ano 2023 Pontevedra continúa sendo a provincia galega con maior número de fogares nesta situación, con 12.700 fogares sen perceptores de ingresos, por diante da Coruña, con 9.100 fogares; estas dúas provincias concentran o 76,5% dos fogares sen ingresos e o 75,8 % do total de fogares rexistrados no conxunto do país..