O número de novos contaxios aumenta na Galiza: 1.361 nun só día

A Galiza marca novo récord desta sexta onda da pandemia. Notificáronse 1.361 novos casos neste domingo, 19 de decembro (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Os contaxios por coronavirus seguen disparados na Galiza e marcan novo récord da sexta onda, con 1.361 nun só día. Os casos activos superan os 15.000 e sobe a presión hospitalaria, con 231 persoas ingresadas en planta hospitalaria e 51 en UCI. 

A cinco días da Noiteboa, a Galiza continúa coa súa escalada de novos contaxios detectados a diario e marca un novo récord desta sexta onda da pandemia, notificándose 1.361 novos casos neste domingo, 19 de decembro. Así, os casos activos xa superan os 15.000 e a presión hospitalaria volve rexistrar un crecemento até os 282 ingresados, 12 máis. 

De acordo cos datos publicados na mañá deste domingo pola Consellaría de  Sanidade, actualizados até as 18 horas do sábado, hai 231 persoas hospitalizadas en planta en toda a Galiza, 10 máis que unha xornada atrás, mentres que outras 51 están en unidades de coidados intensivos (UCI), dúas máis. 

Se se observan os datos por áreas sanitarias, o crecemento da presión asistencial nas últimas horas produciuse nas áreas de Vigo, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e na Coruña-Cee. No resto mantívose ou, en cambio, baixou, como é o caso de Santiago-Barbanza. 

No caso do distrito vigués, os ingresados superan xa o cento e sitúanse en 101 tras crecer en seis nun día. De todos eles, hai 22 en críticos, un máis. 

No caso da área de Ourense, rexistra 55 hospitalizados con Covid-19 (+4), aínda que as UCI fican con cinco pacientes. Mentres, na da Coruña, sobe a 32 (+3) a cifra global, dos que seis (+1) están críticos. 

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a presión asistencial mantense con 47 hospitalizados, aínda que un deles abandonou a UCI, que ten oito pacientes (-1). De igual modo, a cifra global de ingresos na de Lugo-A Mariña-Monforte continúa en 17, aínda que en críticos hai agora seis (+1). Na de Ferrol, mantéñense os 10 hospitalizados, tres deles críticos. 

En canto a Santiago-Barbanza, é a única área onde baixan os hospitalizados lixeiramente, até os 20 (-1). De todos eles, só un está en coidados intensivos.  

Os casos activos, disparados 

Os casos activos de Covid-19 continúan co seu ascenso e excederon a barreira dos 15.000, ao situárense xa en 15.348 nos datos deste domingo. Isto débese a que Sanidade detectou máis  contaxios (1.357) que altas (804) nun día, ao que se engaden dous falecementos. 

A área de Vigo volveu ser a de maior incremento de pacientes Covid-19, até os 4.980 en total (+237). Séguena a da Coruña-Cee, que sobe a 2.329 (+113); a de Pontevedra-O Salnés, a 2.361 (+111); e a de Santiago-Barbanza, a 1.477 (+105). 

Máis moderados son os ascensos das áreas de Lugo-A Mariña-Monforte e Ferrol. A lucense rexistra 993 casos activos de Covid-19 (+44), mentres que a ferrolá sitúase en 560 (+5). 

Novo récord de contaxios 

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por quinta xornada consecutiva por encima do milleiro, ao subir a 1.357, que implican 107 máis que os 1.250 do día anterior. É, de novo, a cifra máis alta desta sexta onda da pandemia.  

De todas as novas infeccións, 478 correspóndense coa área de Vigo, á que segue a de Pontevedra con 214 positivos. Por detrás están A Coruña, con 209; Santiago, con 177; Ourense, con 141; Lugo, con 100; e Ferrol, con 38.  

Por tanto, as persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 208.410. 

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde da pasada sexta feira, 17 de decembro, a Galiza conta cunha incidencia acumulada a 14 días de 511,95 casos por 100.000 habitantes, polo que segue lixeiramente por encima da media do Estado, que está en 511 puntos. 

Dúas novas vítimas mortais 

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza ascenden a 2.720, ao notificar no sábado a Consellaría de Sanidade dúas novas vítimas.