O número de usuarios de residencias con Covid-19 cae a 118

Persoal da residencia de Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Detectan dous novos casos en Móntea Tecla da Guarda e outro na DomusVi de Vimianzo

O goteo de altas entre persoas usuarias das residencias de maiores mantén á baixa este domingo o global de casos nestes centros, que contabilizan un total de 118 residentes infectados, 15 menos dos que había 24 horas atrás.

Así figura no último parte diario ofrecido pola Consellaría de Política Social, que informa de tres novos positivos en centros de maiores: dous na residencia Monte Tecla da Guarda e un na DomusVi Vimianzo.

Pola contra, saen do cómputo un total de 18 usuarios de residencias ao dar negativo. Once deles son residentes na Soremay de Pontevera, seis na Vila do Conde de Gondomar e un na San Salvador de Guntín.

Con esta actualización, a Residencia Pontevedra de Vilaboa pasa a ser, con 20 casos, o centro máis afectado pola pandemia, posto que correspondía até este domingo á Soremay de Pontevedra que, coas novas altas, pasa ter 18 casos. Após estas atópase o CRAPD Vigo II, con 14 casos.

O resto de residencias mantense por baixo da decena de casos, coa Vila do Conde de Gondomar e a San Cristovo de Cea con 9. Séguenlles a Cesantes de Redondela (8), a San Antonio de Beariz (7), a San José de Narón (7) e a DomusVi Vigo (7).

Así mesmo, hai catro persoas contaxiadas en Móntea Tecla da Guarda, tres en San Salvador de Guntín e en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, tres en Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño, dúas en Asilo Vilalba, e unha, respectivamente, na Servisenior de Brión, na San Cibrao de Cervo, a DomusVi Vimianzo e no CRAPD Vigo I.

Persoal traballador

O cómputo global sobe a 125 infectados entre o persoal traballador de residencias, após rexistrárense catro positivos (dous en CRAPD Vigo I, un en San Bartolomeu de Xove e outro na residencia de Covelo) e unha alta, a dun empregado da Vila do Conde de Gondomar.

Ademais, Política Social tamén desconta a un traballador da residencia de maiores de Oleiros porque a súa PCR positiva "é de antes de que se incorporase ao centro".

Así, o cadro máis afectadas este domingo é a do Asilo Vilalba, con 13 traballadores.

Centros de persoas con discapacidade

Pola súa banda, os centros de atención á discapacidade (CAPD) non presentan este domingo usuarios infectados por Covid-19 ao dar negativo o seis residentes do CAPD de Sarria que figuraban como únicos activos até a data.

En canto aos cadros destas instalacións, continúan enfermos de Covid-19 dous empregados do Fogar San Rafael de Vigo, un do centro de Sarria, un en San Vicente de Paúl de Lugo e outro en Souto de Leixa de Ferrol.