Núñez Feixoo e Felipe VI, entre os participantes no sexto Foro A Toxa, que insiste en deturpar o topónimo da illa

Núñez Feixoo durante a súa participación no V Foro A Toxa. (Foto: Agostime / Europa Press)
Terá lugar entre o 3 e o 5 de outubro no Grove. Asegura case un pleno de homes e mantén unha dúbida: a asistencia, sen confirmar, de Pedro Sánchez.

O presidente do Grupo Hotusa e da Fundación A Toxa, Amancio López Seijas deu a coñecer esta quinta feira os detalles da sexta edición do foro neoliberal A Toxa que, mais unha vez regresará ao Salnés en outono.

Segundo sinalaron desde o comité organizador deste ano é a primeira edición que se organiza ao completo sen Josep Piqué, impulsor do evento, tras o seu pasamento o ano pasado. Porén reivindicaron que se mantén "o seu enfoque", aínda que tratando de buscar unha "internacionalización" do foro para "facelo máis global" con relatores de distintas partes do mundo.

Premio a Borrell

En 2024, avanzaron, a idea é desenvolver menos mesas redondas de catro ou cinco relatores, para facelas de dúas persoas, "máis áxiles" e que permitan "profundar máis nos temas". "Ademais, os perfís de moitos dos invitados xustifica sobradamente esta decisión", reivindicou Carlos López Blanco, membro do comité organizador.

A organización anunciou que este ano o premio homenaxe Josep Piqué recaerá sobre o aínda alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell. "El demostrou ter a coraxe e a audacia que piden os cidadáns aos políticos", sinalaron, destacando o seu bo facer en momentos "extraordinariamente difíciles".

Programa

O VI Foro A Toxa comezará o 3 de outubro ás 16 horas coa inauguración oficial, onde está prevista a presenza do rei Felipe VI. A partir de aí, o relatorio inaugural estará a cargo do historiador británico Simon Sebag Montefiore, especialista en países como Rusia e oriente próximo.

Esa mesma tarde tamén terá lugar unha mesa dedicada á competitividade e á gobernanza na que participarán, entre outros, os ex presidentes do Goberno, Felipe González e Mariano Raxoi.

O día 4, a xornada comezará ás 9 horas e nunha primeira mesa participarán destacados directivos como o conselleiro delegado de Iberdrola España, Mario Ruiz Tagle; o conselleiro delegado de Indra, José Vicente dos Mozos; o presidente de Deloitte España, Héctor Flórez, ou o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Vieites.

O gobernador do Banco de Portugal, Mario Centeo, e o presidente do Consello Económico e Social, Antón Costas, terán noutra mesa de diálogo a partir das 10.30 horas, mentres que ás 11.15 horas estarán a vicepresidenta da Comisión Europea, Verá Jourova, e o que foi representante permanente de España ante a UE (2016-2021), Pablo García-Berdoy.

Ausencia de mulleres

En distintas mesas participarán ao longo do día, entre outros, a ex ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez; o presidente de Astrazeneca España, Rick R. Suárez; o exembajador dos Estados Unidos na Unión Europea, Anthony Gardner, ou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ademais, sobre as 13.15 horas, será o relatorio de Alberto Núñez Feixoo.

O sábado 5 terá lugar a clausura. Polo momento Pedro Sánchez aínda non confirmou a súa asistencia, se ben a organización asegurou que foi convidado.

O encontro, como noutras edicións, consuma case un pleno de homes entre as figuras convidadas, e de novo, un ataque directo á toponimia oficial da Galiza e da comarca do Salnés, ao manter o nome deturpado da illa en todos os seus convites oficiais..