O 15-S de CCOO e UGT redúcese ao reclamo dun referendo sobre os recortes

Os secretarios xerais de UGT e CCOO.
As centrais estatais non convocan, polo momento, folga xeral.  A CIG, pola súa banda, seguirá a apostar por máis mobilizacións no noso país cara a unha nova folga.

Non se cumpriron as expectativas --recollidas por SermosGZ esta mañá-- que apuntaban a que CCOO e UGT poderían ter anunciado hoxe a convocatoria de folga xeral para o vindeiro mes de novembro, desde a concentración celebrada en Madrid. Os líderes das centrais estatais limitáronse a esixir a convocatoria dun referendo, mais non dan por descartada a folga, malia afirmar que “a chave a ten o goberno”.

A mobilización deste 15-S, convocada polo “Cumio Social”, saldouse cunha importante afluencia que as organizacións convocantes declinaron cifrar. Os diferentes percorridos da marcha, organizada en catro columnas e composta de seis “mareas” --sindical, ensino, servizos sociais, sanidade, servizos públicos e muller-- desembocaron na praza de Colón da capital do Estado. Durante a mobilización sucedéronse berros chamando á folga xeral por parte d@s manifestantes.

O acto concluíu coas intervencións dos secretarios xerais de CCOO e UGT. Tanto Ignacio Fernández Toxo como Cándido Méndez cargaron contra as políticas antisociais do Partido Popular, esixindo ao goberno de Mariano Rajoy que someta a referendo popular a súa política de recortes e o posíbel segundo rescate.

CIG aposta por seguir a mobilizarse rumbo a unha nova folga xeral

Pola súa banda a CIG insistirá en manter o proceso de mobilizacións, co obxectivo de “acumular forzas” cara unha folga xeral que consideran necesaria e que xa propuxeron varias veces. A última coa data do 26 de setembro como referencia, coincindo coa convocatoria de folga en Euskadi. En todas as ocasións as centrais estatais rexeitaron os envites da CIG.

O pasado martes a central nacionalista fixaba un calendario de accións de cara as vindeiras semanas, coa intención de llo trasladar a CCOO e UGT para manter a unidade de acción dos últimos meses.

Nel sitúanse dúas datas. A primeira sería próxima ao 28 de setembro, data na que o goberno de Rajoy presentará a proposta de Orzamentos Xerais do Estado do vindeiro ano, coa realización de concentracións comarcais. A segunda será o 4 de outubro, coincidindo co inicio oficial da campaña das eleccións galegas do 21-O, para cando a CIG pretende convocar manifestacións en toda Galiza e na que agardan unha resposta igual de masiva que a acadada nas celebradas o pasado 19 de xullo.