O aceno da USC ao sionismo, máis aló do simbólico

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca vén de solicitar por segunda vez acceso ao convenio que a universidade compostelá ten asinado coa de Ben Gurion, en Israel. Na primeira tentativa a reitoría galega respondeu negativamente ao considerar que se trataba dun acordo sen materializar, mais a oferta formativa abriu neste curso. Esculca ve preciso coñecer o contido do convenio subscrito "cunha institución que apoia políticas e actuacións censuradas polas Nacións Unidas e outros organismos internacionais como o apartheid, a detención sen garantias ou a tortura"


En xaneiro do ano 2010, a Universidade de Santiago de Compostela asinou un convenio de duración indefinida coa universidade israelí de Ben-Gurion. Nada tería de noticiábel tal feito de non ser porque a mencionada institución fai bandeira da súa identidade "orgullosamente sionista", en palabras da súa presidenta, Rivka Cami.

Non tería que saír nos medios tampouco se a nova aliada da USC non discriminase o alumnado por falar árabe; se non alentase a persecución de docentes crític@s coas políticas racistas de Israel; se non concedese "beneficios especiais" aos soldados israelís que fixeron parte da ocupación de Palestina na denominada 'operación Chumbo Fundido', en que foron asasinad@s 1.400 palestin@s na Faixa de Gaza; ou se non desenvolvese proxectos de investigación titorizados cara a unha utilidade militar.

"E u-lo convenio? En que consiste?", cabería preguntar. Mais a resposta fai referencia a unha información "celosamente gardada" pola equipa reitoral, con Juan Casares Long á cabeza. Di a máxima autoridade universitaria que o convenio é simbólico, que ningunha persoa se acollera a ese acordo bilateral. Mais tampouco isto é de todo verdade.

Após ligar á Oficina de Relacións Exteriores, unha traballadora confirma, en perfecto español, que o convenio coa Ben-Gurion está a funcionar xa. Nos supostos de mobilidade entrante, un mozo israelí recibirá aulas na Galiza o vindeiro curso. E naqueloutros casos en que a mobilidade é saínte "andamos a ver como o sacamos". En todo caso, na Unidade de Convenios confirman que, efectivamente, haberá convocatoria para ir estudar a Israel o ano que vén. O dilema está en ver en que grupo dos bilaterais se incluirá: se canda os países de América Central e do Sur ou canda os de fala inglesa, listaxe esta última en que estarían Xapón, Canadá, Australia ou os EUA.

Unha resposta "tardía e confusa"
"Non teño ningún problema nun convenio cunha universidade israelí, mais esta está nos territorios ocupados, ten unha función militar e réxese pola lóxica do apartheid". O profesor Lourenzo F. Prieto cualificou de "tardía, incompleta e confusa" a resposta que Casares Long fixo chegar ás persoas do Consello de Goberno.

Pediron acceso ao texto Antonio Pérez Casas, Adrián Dios e Lourenzo Fernández Prieto, en representación do Persoal de Administración e Servizos, o estudantado e Persoal Docente e Investigador, pois tiñan ansia de o leren polo miúdo, de se mergullaren no seu contido. Aos tres o reitor fíxolles chegar un convenio-cadro de que fan parte as Universidades palestinianas e israelís. 

Johannesbourg non quixo saber nada
A Ben Gurion fixo parte tamén do acordo achegado á prestixiosa Universidade de Johannesbourg, en África do Sur, mais esta fixo ouvidos xordos aos cantos de serea do lobby sionista que reclamaba un convenio para el@s, separado das institucións palestinianas. Foi o primeiro boicot académico que se lle fixo a Israel, alentado por intelectuais como Desmond Tutu ou John Berger. Na Galiza, tamén o observatorio pola transparencia nas institucións públicas Esculca e o colectivo BDS —Boicot, Desinvestimentos e Sancións— sumáronse ás peticións de acceso ao documento.

Non houbo maneira. "So queriamos que fose a debate no Consello de Goberno", dixo Elvira Souto, activista de Esculca. Nunha votación "habería posibilidades de conseguir derrogalo", mais o "entusiasmo" por "esconder" información do cal deu mostra o reitor fan pensar que as posibilidades do debate son poucas. E isto pese á gabanza que Casares Long fai de si propio ao se declarar como "o primeiro partidario do boicot e dos dereitos do pobo palestino. Vai ao supermercado cunha listaxe para non mercar produtos de Israel".

 

Esta información é un dos contidos do número 4 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio.