O BNG denuncia en Bruxelas a megaminaría que a Xunta ampara na Galiza

A eurodeputada Ana Miranda e o seu homólogo Nikolaus Chountis, de Syriza, xúntanse con representantes das plataformas en defensa de Corcoesto e Bergantiños (mina de ouro a ceo aberto), Corno do Monte-A Limia (proxecto de mina de feldespato da Limia), Mina Wolframio Cartelle-Ramirás (proxecto de mina de wolframio en Cartelle e Ramirás) e a Asociación naturalista de defensa ambiental Ribeiras do Miño (proxecto de canteira de granito en Castrelo de Miño)


As plataformas veciñais que se opoñen na Galiza aos proxectos mineiros que a Xunta ampara en Corcoesto, Xinzo da Limia, Cartelle e Castelo de Miño levan a Bruxelas a súa protesta. Unha audición no Parlamento europeo mantida coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e co seu homólogo grego Nikolaus Chountis, de Syriza, diversos colectivos sociais galegos e gregos chamaron a atención sobre as instalacións da megaminaría en ambos os dous países. 

Ao fío desta xuntanza, Miranda pediu un cambio na normatica comunitaria para prohibir o uso de cianuro e de calquera outra substancia tóxica considerada altamente contaminante nas explotacións a ceo aberto. Enfatizou a nacionalista o "elevado risco" de destrución medioambiental e das actividades económicas vinculadas ao territorio, en particular e no caso galego aos sectores agrogandeiro e turístico. 

Así as cousas, Miranda denunciou a "falacia" de pretender defender a implantación destes megaproxectos en base a unha suposta creación de emprego, como argumento para convencer ás poboacións afectadas nun momento de crise económica e taxas de paro sen precedentes. "Non se pode vender xeración de emprego cando estes megaproxectos van destruír os recursos naturais e o medio de vida das zonas onde se implantan", explicou a eurodeputada nacionalista.
 
Os colectivos sociais erguen a voz no Parlamento europeo

Pola súa parte, os distintos portavoces das plataformas sociais coincidiron en reclamar un maior compromiso das institucións da Unión Europea na defensa dos intereses da cidadanía que vive en zonas "ameazadas" por megaexplotacións mineiras ou canteiras, nun momento en que o Parlamento Europeo está debatendo unha reforma da actual normativa. 

"Se este Parlamento aproba unha directiva que permita estes proxectos mineiros pese as repercusións medioambientais, económicas e sociais, a responsabilidade en caso dun desastre non será só das multinacionais senón tamén das institucións da UE", advertiu na súa intervención o biólogo Pedro Alonso. Pola súa banda, Carme Varela, que actuou como portavoz da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, aportou datos sobre as implicacións do uso de cianuro previsto pola multinacional canadiense: "1,5 millóns de toneladas cada día que dosificado sería letal para o conxunto de poboación galega".
 
Neste momento a Eurocámara debate a futura directiva relativa a avaliación de impacto ambiental de determinados proxectos públicos e privados no medioambiente. Ana Miranda avanzou que o BNG xa emendou o texto para que en todos os casos sexa obrigatorio elaborar unha declaración previa de impacto ambiental.