O BNG exixe que se prolonguen as axudas ao sector marisqueiro da Ría do Burgo

Reunión entre o BNG e a confraría da Ría do Burgo (Foto: Nós Diario).
A organización nacionalista demandará, a través dunha proposición non de lei, alongar as axudas entre 18 e 24 meses, desde que se semente a cría o marisco até que poida ser recollido.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, informou a Confraría da Ría do Burgo das iniciativas rexistradas para que o Goberno do Estado manteña as axudas ao sector até a recuperación íntegra da capacidade produtiva.

A organización nacionalista demandará, a través dunha proposición non de lei, alongar as axudas entre 18 e 24 meses, desde que se semente a cría o marisco até que poida ser recolleito.

Na reunión coa Confraría da Ría do Burgo, ademais do deputado nacionalista no Congreso, tamén participaron o portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e a concelleira e deputada no Parlamento da Galiza, Mercedes Queixas.

A organización nacionalista aproveitou o encontro para trasladar as iniciativas rexistradas na Cámara baixa para que o Ministerio alongue as axudas percibidas polos mariscadores e mariscadoras unha vez finalizadas as obras de dragaxe da Ría do Burgo.

O prazo

O prazo de finalización das obras na ría e, por tanto, das axudas recibidas polo sector marisqueiro, termina o 31 de decembro de 2023. Con todo, a partir dese momento o BNG considera que aínda serían necesarios os apoios entre 18 e 24 meses, desde que se semente o marisco até que poida ser recollido.

"A preocupación é saber se o Ministerio vai prorrogar estas axudas para cubrir tamén ese período, entre 2024 e 2025, ou se, ao contrario, pretende que durante este tempo os mariscadores estean sen ningún tipo de ingreso", apunta o deputado do Bloque.

Para Rego, esta última opción "sería inaceptábel". "Rexistraremos unha proposición non de lei, acordada cos mariscadores e mariscadoras, instando o Goberno español a que, de forma urxente, adopte a decisión de prorrogar as axudas", avanza o parlamentario, que se compromete a "facer todas as xestións necesarias para conseguilo".