ANIMALISMO

O BNG presenta unha moción contra as touradas na Coruña avalada por 21.000 persoas

A formación frontista faise eco da demanda de Galiza, mellor sen touradas e arremete contra o financiamento con cartos públicos destes espectáculos de ''tortura'' dos animais, e contra o uso de espazos municipais para tales actividades

O BNG e a plataforma Galiza, mellor sen touradas presentaron nesta quinta feira unha moción para debater no Pleno ordinario do Concello da Coruña en contra do financiamento dos espectáculos de touros con cartos públicos, e contra o uso de espazos municipais para estas actividades.

Así, o concelleiro nacionalista Xan Caxigal explicou que a formación frontista se fai eco da demanda do colectivo antitaurino, unha demanda que chega avalada pola sinatura de 21.000 persoas e que supón "unha representación evidente do apoio á reivindicación de eliminar calquera subsidio ou axuda á celebración desta tortura", sinalou Caxigal.

Ademais das axudas directas, o edil nacionalista criticou as axudas indirectas, como a cesión de balde do Coliseum anunciada polo Goberno local, "unha auténtica subvención indirecta que evita que os promotores das touradas paguen as correspondentes taxas municipais". Así, comparou a situación coa das e dos artistas que ofrecen concertos neste espazo --e que acadan maiores aforos que coa feira taurina--, e cuxas empresas produtoras teñen que pagar polo uso das instalacións. "Non é normal que os organizadores das touradas lle pasen, literalmente, as facturas ao Concello", engadiu.

"A liberdade do PP é finanzar a tortura dun animal"
Na mesma liña, o presidente de Galiza, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, puxo de manifesto que coas axudas indirectas que o PP pretende outorgarlle á organización da feira taurina farase máis difícil coñecer o montante real dos cartos públicos destinados ás touradas, polo que se reduce a transparencia.

Nesta liña, apuntou que a situación das touradas na Coruña é "evidente": "unha actividade deficitaria, onde a empresa cobre perdas grazas ás axudas económicas, unha actividade que non atrae a cidadanía e que non representa a maioría social". Por último, o representante da asociación animalista ironizou co concepto 'liberdade', deturpado polo PP: "a súa liberdade é maltratar un animal, financiar a súa tortura e a súa morte".