O boomerang da Xunta contra o ensino no rural vénlle de volta

A campaña de sinaturas contra a supresión do único mestre de Infantil e o reagrupamento de nen@s de 3 a 12 anos esperta a loita en Vilariño de Conso. As crianzas matriculadas son xa 22, e a Xunta exixía 20 para manter os dous docentes. O prazo para se inscribiren remata aínda en setembro

Dixo a Xunta hai unhas semanas que cumprían 20 alumn@s para manteren os dous mestres que impartían aulas no CEIP de Vilariño de Conso, na montaña ourensá. O prazo de matriculación fica aberto até setembro, mais na consellaría de Educación non tiveron paciencia e decidiron suprimir a única praza que había de Infantil e xuntar na mesma aula @s 16 alumn@s que este ano tivo o centro, cuxas idades van desde os 3 até os 12 anos.

Unha vez coñecidos estes plans, a mobilización cidadá fixo o resto. Nais, pais, docentes e até o persoal da farmacia e o cura do lugar implicáronse activamente na procura desas catro matrículas que faltaban --mantendo as deste ano--. A día de hoxe van 22 matriculad@s. O boomerang lanzado contra a escola rural vólvese contra a Xunta, a quen lle tocará recuar.

"Hai trinta anos neste centro tiñamos 150 nenos", explicou Carlos Rodríguez, o mestre cuxa praza vén de ser eliminada, segundo lle confirmou a Inspección educativa hai uns días, mentres falaba con este diario. O alumnado foi baixando nos últimos anos até o punto de que a Rodríguez, que ocupaba o cargo de director, é agora o responsábel da Dirección, "coas mesmas funcións, as mesmas responsabilidades e o mesmo traballo, mais cobrando menos". Foi o docente quen informou da nova situación en que se atopa o centro, e calculou, tornándose optimista, que "se a progresión de alumnos segue como até o de agora, ao final aínda nos van corresponder catro mestres".

Aprendendo a ler e preparando a ESO no mesmo pupitre
Ao respecto das informacións que están a saír na prensa dando conta do panorama que as tesouradas ao ensino público están a debuxar nos centros do rural, nomeadamente en Ourense, cuxa situación ficaría resolta se se destinasen a estas escolas os 17 millóns de euros que Jesús Vázquez enviou ás contas bancarias de centros privados, Carlos Rodríguez indicou que o de Vilariño de Conso "é un caso punteiro, no sentido de que o agrupamento sería de 3 a 12 anos".

Así as cousas, contou que até o de agora @s 16 persoas que estudan neste centro recibían aulas en dous grupos e con dous profesores: un para Infantil e o primeiro ciclo da Primaria --de 3 a 8 anos-- e outro para o segundo ciclo da Primaria --de 9 a 12 anos--. "Esta división funcionaba perfectamente", fronte ao que agora se pretende. Alén do reagrupamento, a Xunta prevé a supresión da materia de Música e manter unha ou un docente de Inglés itinerante.

"Pintáronnos un panorama negro, sen saída posíbel", que desembocou na recollida de sinaturas "para evitarmos ir a Viana". Rodríguez recalcou que as nais e pais do alumnado manifestaron a súa disposición "a pelexar con unllas e dentes" para retornar ao modelo que até hoxe funcionou, de dúas persoas docentes, e que a Xunta botou abaixo "porque non temos 20 alumnos".

Agora teñen 22, e chegan á vila "desde todos os puntos da Galiza". Mais non só. "Temos un alumno de Madrid". O motivo está nas vantaxes que ofrece a vida no rural para nais e pais que perderon o seu emprego e non poden manter o nivel de vida na cidade. Os alugueiros "son asequíbeis" e a posibilidade de traballar unha pequena porción de terra para colleitar o alimento propio fai que voltar ao campo sexa unha opción para moit@s. Manter a escola pública tórnase imprescindíbel.