O claustro da USC rexeita os orzamentos de Casares Long por terceira vez

Imaxe do claustro da USC

En sesión ordinaria e por terceira vez consecutiva o claustro da Universidade de Santiago de Compostela rexeitou as contas presentadas pola equipa reitoral. A comunidade educativa exixe a demisión de Juan Casares Long e acúsao de ser "cómplice dos recortes da Xunta". 

94 votos en contra e 67 a favor. Os orzamentos da USC, rexeitados por terceira vez. Após as sucesivas derrotas e a incapacidade da dirección para sacar adiante a súa proposta orzamentaria, PAS, PDI e estudantado exixen a demisión do reitor compostelán, habida conta de que por terceiro ano consecutivo a Universidade deberá financiarse a través dunha liñas económicas que non contan co apoio maioritario. Aliás, a comunidade educativa denuncia a "nefasta xestión" dunha equipa de goberno que, din, mantén unha actitude "submisa cos gobernos do Partido Popular".  

O claustro rexeitou por terceira vez consecutiva os orzamentos presentados pola equipa de goberno

Exixen a demisión do reitor 

Así llo fixeron saber @s representantes das organizacións estudantís nacionalistas. Nas súas intervencións, Comités e Liga estudantil exixiron a demisión de Juan Casares Long. "Fágao como un acto de rebeldía", espetoulle Brais Pedreira, responsábel de campus dos Comités na USC e, ao tempo, demandoulle dicir "basta" e cesar no papel de "brazo executor" dos recortes da Xunta. As contas presentadas por Casares Long recollen o testemuño dos recortes orzamentarios aprobados polo Executivo galego para 2013, algo que desde a Liga entenden como "un grave ataque". 

As contas que a equipa reitoral procurou sacar adiante esta sexta feira supoñen, segundo a comunidade universitaria, "unha tremenda baixada nos salarios do profesorado, a non contratación de novas docentes, unha suba de taxas universitaria, menos fondos para a USC Deportiva...", polo que a maioría d@s representantes que compoñen o claustro decidiron oporse, máis unha vez, e evidenciar co seu voto desfavorábel a complexa situación que na actualidade vive a USC

As organizacións estudantís exixen a demisión do reitor 

Após tres votacións contrarias, fica de manifesto que o reitor da universidade compostelá --que abrangue aliás o campus de Lugo-- goberna en minoría. Neste senso, desde a Liga denuncian que a equipa "non ten lexitimidade ao non representar as preocupacións da comunidade". As dúas organizacións estudantís continuarán a exixir a demisión de Casares Long e o inicio dunha nova etapa cun outro goberno á fronte.