MALTRATO ANIMAL

O Concello da Coruña subvencionará ''por detrás'' as touradas

Saca a concurso público a realización da feira. A empresa adxudicataria afrontará un canon de 2.500 euros, mentres o goberno de Carlos Negreira achegará o que falta: máis de 50.000 euros

O concello da Coruña si que financiará a feira taurina, aínda que o fará "pola porta de atrás". Denúnciano o BNG e a plataforma cidadá Galiza mellor sen touradas un mes despois de que o goberno local --PP-- anunciase que deixaría de entregar os 130 mil euros que todos os anos facía chegar á organización das touradas mediante unha subvención directa.

No entanto, desde aquela, o concello non aclarou se sacaría a consurso a concesión da feira ou se seguiría cedendo de balde o recinto do Coliseo. O Instituto Municipal Coruña Espectáculos vén de aprobar o concurso, licitado polo consistorio, polo que a finais de xullo ou comezos de agosto volverá a realizarse a feira taurina da Coruña se apareceren empresas candidatas.

E non será nada difícil que aparezan, dadas as facilidades que ofrecen os pregos técnicos do contrato. Seguindo as liñas, o concello terá que pagar a instalación e a ornamentación da praza, alén do acondicionamento das distintas zonas e os recheos de area. Tamén correrá da súa conta --e, por tanto, dos e das coruñesas-- unha parte da limpeza do Coliseo, a desratización a semana anterior ás touradas e o pagamento do persoal necesario para a montaxe. O concello cederá de balde o Coliseo, polo que a empresa gañadora do consurso aforrará as taxas.

Vendo os requisitos, o BNG considera "irrisorio" o canon de 2.500 euros que terá que pagar a empresa beneficiaria "en comparación cos cartos que achegará o Concello". Segundo Galiza mellor sen touradas, esta suma superaría os 50.000 euros. Así, @s nacionalistas da Coruña denuncian que o goberno que encabeza Carlos Negreira "subsidie as touradas sen transparencia" a través dun contrato público, "sabendo que se trata dunha actividade que xerou perdas de máis de medio millón de euros en tres anos". Tanto o BNG como a Plataforma insisten en exixir a fin de calquera achega municipal a estes 'espectáculos', baseados "na mutilación dun ser vivo".