O Concello de Compostela non autoriza o palco nin a megafonía para o Día da Lingua

Imaxe: Queremos Galego
A 48 horas da manifestación pola lingua, argumenta que a mobilización ''coincide coa Ascensión'' e denega os permisos para a colocación dun palco e dun punto de luz para a megafonía. Desde Queremos Galego sorpréndense da decisión do Goberno de Ángel Currás respecto dunha petición "que sempre foi de trámite" e chaman á protesta ''porque temos máis razóns que nunca''

A 48 horas da mobilización que cada ano se fai na capital da Galiza en defensa da nosa lingua, Queremos Galego informou nesta terza de que o Concello de Compostela non autorizará a colocación dun palco, un punto de luz necesario para a megafonía do acto final e unha faixa informativa na Alameda da cidade, unha petición que "sempre foi de trámite".

O voceiro nacional de Queremos Galego, Carlos Callón, tilda de "sorprendente" esta actitude do Goberno local e asevera que "desde que  A Mesa --plataforma que impulsa e coordina Queremos Galego-- existe desde hai 26 anos nunca nos encontramos cunha resolución tan disparatada". E é que o Executivo que lidera Ángel Currás denegou case todos os puntos solicitados, argumentando que a manifestación pola lingua "coincide coa Ascensión". No caso do punto de luz nin sequera se vale "da escusa" das festas e "non ofrece ningún motivo" para non autorizalo. 

Non é a primeira vez que os festexos do Día da Lingua cadran coa Ascensión 

Aínda así, o acto foi solicitado perante a Delegación do Goberno español, titular destas competencias, polo que o Concello "non pode prohibir o acto, pese a pór todos os obstáculos que pode dentro do seu ámbito de competencias".

"Quérennos deixar sen voz!", lamentou Callón, aproveitando para reivindicar que "temos máis razóns que nunca para erguela", polo que chamou a toda a cidadanía galega a acudir á mobilización da quinta e rebelarse contra a decisión do Concello, que "parece unha burla, querer denegar esa licenza baseándose na Ascensión", pois non é a primeira vez nin a última que o 17 de maio cadra con estes festexos. 

Callón: ''Temos máis razóns que nunca para erguer a nosa voz''

Así as cousas, Callón reflexionou que "o actual Concello de Santiago ten un problema moi serio coa tolerancia lingüística e cultural e coa liberdade de expresión", e recordou neste sentido a retirada de financiamento público ao Correlingua. "A culpa é de Rosalía, por asinar a súa dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego nun 17 de maio".