O Concello de Marín terá que explicar a adxudicación das axudas á Cultura

O Valedor do Pobo dá a razón ao centro social Almuinha na queixa presentada contra o Goberno local (PP) por conceder axudas individuais sen resolver a convocatoria de subvencións de 2009, e sen abrila xa en 2010 e 2011. Non houbo explicacións aos colectivos que as solicitaron. O Valedor lembra ao Concello que ''os dereitos de participación e de información da cidadanía son esenciais''

O Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, vén de dar a razón ao centro social A.C.Almuinha na súa queixa contra o Concello de Marín ante a súa negativa a recibir o colectivo e a non trasladar información referida ás subvencións.

A alcaldesa, María Ramallo (PP) recoñeceu no informe remitido ao Valedor, ao que tivo acceso este xornal, todos os puntos da situación denunciada --falta de notificación, negativa a recibir e informar, a paralización de axudas--. Escúsanse en que "esta corporación tomou posesión o 11.06.2011", que ao non se resolver a convocatoria 2009 "non se xerou dereito económico algún" e que en 2012 as axudas xa non se convocaron.

Tendo en conta o escrito remitido por Ramallo, o Valedor evita responsabilizar unha ou outra equipa de Goberno para sinalar que "nin o derradeiro nin o actual teñen observado a normativa reguladora do dereito de participación dos veciños". Así, José Julio Fernández Rodríguez lembra ao Concello marinense a súa obriga de informar ás asociacións sobre a paralización de expedientes, xustificar o problema orzamentario e explicar cal foi o destino dos fondos asignados á convocatoria de axudas que non foi executada.

Alén de todo o anterior, recalca que o Goberno local debe respostar por escrito "todas" as solicitudes de información "cursadas polas asociacións e polos veciños". E engade que "non é aceptábel que os dereitos de información e participación cidadá non sexan considerados como elementos esenciais" para un Goberno local. Na liña, o Valedor remite ao Concello "un recordatorio dos seus deberes legais".

Desde o centro social valoran de maneira positiva a resposta do Valedor: "sentímonos satisfeitos", din, confiando en que "pronto" se convocará unha reunión con responsábeis polític@s para coñecer por que o Goberno de Ramallo non resolve a convocatoria de subvencións de 2009, por que non se abriu convocatoria en 2010 e 2011 e a que entidades --e baixo que criterio-- se lles outorgaron axudas individuais.