O estudantado galego reméxese contra a suba das taxas

Concentración ás portas da Reitoría da USC contra a suba das taxas (Imaxe: Comités)

Comités, Liga Estudantil e Agir consideran que a medida, contemplada no decreto 14/2012 do Goberno español e que vén de ser aprobada no Consello de Universidades, é "inaceptábel", "drástica" e "un brutal ataque ao ensino público". Os tres reitores cadran tamén ao tildar a suba de ''recadatoria''

Malia conxelárense os prezos das primeiras matrículas, o Consello de Universidades aprobou esta mañá a suba de taxas para as segundas, terzas e cuartas matrículas, tal e como propuxera o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, seguindo as directrices de Madrid contempladas no RD 14/2012. O incremento contemplado será do 20% para a segunda matrícula, do 66% para a terceira e do 90% para a cuarta, que se aplicarán de maneira progresiva durante tres anos. Mentres os tres reitores cualificaron de "recadatoria" esta medida, as organizacións estudantís do nacionalismo cadran tamén ao rexeitala.

En sendos comunicados, os Comités, Liga Estudantil e Agir consideran que a suba das taxas é unha medida "inaceptábel", "drástica" e "un brutal ataque ao ensino público". Así as cousas, os Comités valoran que o acordo do Consello Galego de Universidades prevé "un aumento alarmante das taxas universitarias de aquí a tres anos”, e centran as súas críticas no forte aumento de prezos nas matrículas sucesivas, cunha penalización que, se ben recoñecen que "xa existía", consideran "abusivo que sexa destas características", ao colocar sobre os ombreiros do estudantado toda a responsabilidade das materias suspensas.

Pola súa banda, desde a Liga Estudantil insiren esta decisión "na liña de ataques" ao ensino público "no camiño á mercantilización" iniciada hai tres anos coa aprobación do Espazo Europeo de Educación Superior --o Plan Bolonia-- "e a elitización" dos estudos universitarios. Tamén esta organización estudantil concorda en que a suba das taxas torna @ estudante responsábel únic@ das súas cualificacións "sen ter en conta que en todas as carreiras existen gran cantidade de suspensos non sempre achacábeis ao pouco esforzo do alumnado".

Após lembraren que "o ensino público é un privilexio e non un negocio", desde Agir achacan a suba das taxas a dúas premisas "falsas", como son o cálculo "errado" do custo dos estudos, ao se incluíren partidas que non teñen a ver co ensino; e a idea de que "o estudantado suspende porque non se esforza". A organización independentista entende todas as medidas contempladas no real decreto ditado polo Goberno español na mesma liña que o fixeron Comités e a Liga: no camiño cara a elitización, obviando as causas "obxectivas e sociais" do fracaso académico.