O DEBATE | A prohibición do móbil nos centros de ensino: unha medida acertada?

(Foto: Nós Diario)
A Xunta da Galiza estenderá a prohibición de usar o teléfono móbil a recreos, comedores e actividades extraescolares, nunha decisión que xera debate.

Rogelio Carballo

Federación de ANPA de Pontevedra

A presenza de móbiles nas aulas xera un intenso debate sobre se os estudantes deben ou non utilizar estes dispositivos durante as horas escolares. En varios países houbo un movemento crecente para prohibir o uso de móbiles entre os menores durante o tempo que pasan na escola. Aínda que os defensores desta medida argumentan que pode mellorar a concentración e o rendemento académico, os críticos sosteñen que pode limitar o acceso a ferramentas educativas e socavar a autonomía dos estudantes.

Os partidarios da prohibición sinalan que o uso constante de móbiles na aula pode distraer os estudantes e afectar negativamente a súa capacidade para concentrarse. A fácil accesibilidade a redes sociais, xogos e mensaxes de texto pode converterse nunha tentación constante, desviando a atención dos estudos. 

Neste sentido, a prohibición busca crear un ambiente escolar máis centrado na aprendizaxe e menos propenso a distraccións. Outro argumento a favor da prohibición é a redución do acoso escolar. Os móbiles facilitaron a propagación do acoso, o que pode ter consecuencias devastadoras para a saúde mental dos estudantes. Prohibir os teléfonos móbiles na escola podería axudar a mitigar este problema. 

Porén, os opositores á prohibición destacan que os teléfonos móbiles tamén poden ser ferramentas educativas valiosas. Moitas aplicacións e recursos en liña poden enriquecer a experiencia de aprendizaxe, proporcionando acceso a información instantánea e fomentando a investigación independente. Ao prohibir o uso de móbiles, argumentan, estase a privar aos estudantes dunha fonte potencialmente enriquecedora de coñecementos. Ademais, sosteñen que a prohibición podería socavar a autonomía dos estudantes. En lugar de prohibir por completo, suxiren establecer pautas claras sobre cando e como se poden utilizar estes dispositivos. Isto non só prepararía os estudantes para un mundo onde a tecnoloxía é omnipresente, senón que tamén lles ensinaría a facer un uso responsable da mesma. En última instancia, a cuestión da prohibición do uso de móbiles na escola é complexa e multifacética. 

A tecnoloxía é unha ferramenta poderosa que pode utilizarse para potenciar ou obstaculizar o proceso educativo. En lugar de adoptar unha posición absoluta, os educadores e os responsables da toma de decisións deben buscar un equilibrio que fomente o aprendizaxe mentres aborda os posibles inconvenientes. 

PD. Este artigo non foi escrito por min. Foi artellado por chatGPT, unha intelixencia artificial das moitas que se están a desenvolver, coa seguinte solicitude: Escribe un artigo de 2.500 caracteres sobre a prohibición do uso de móbiles por menores na escola. Nin sequera a versión potente de chatGPT, senón a anterior, moito menos capaz. 

Este é o mundo no que os nosos fillos van ter que desenvolverse. De verdade podemos darnos o luxo de restrinxirlles o uso do móbil, e o acceso á tecnoloxía e á información? Estamos dispostos a asumir as consecuencias?


Elena Suárez

Psicóloga

Un informe da Unesco sobre o seguimento da educación no mundo recolle como en un de cada catro países aprobáronse leis que prohibían o uso do móbil en centros de ensino, maiormente nas aulas. Holanda, por exemplo, decidiu prohibir o uso de móbiles, tablets e smartwatches en aulas a partir de 1 de xaneiro de 2024. "Aínda que forman parte das nosas vidas, as aulas non son o seu lugar", explicou o ministro Robbert Dijkgraaf. A prohibición do uso do móbil está estendida en varios países europeos.

Dentro do Estado, as distintas comunidades teñen formulacións diferentes. Algunhas optan por unha prohibición legal total dos móbiles nos centros educativos, mentres que outras teñen unha formulación máis laxa. Agora, tamén as hai que optan pola prohibición total en todos os espazos dos centros de ensino, que é a vía que vén de anunciar a Xunta.

Coa chegada dos móbiles, a vida das persoas cambiou por completo. Trouxeron transformacións para ben, non podemos negar que estes dispositivos teñen grandes virtudes e facilitáronnos moito a vida.

Pero a presenza destes dispositivos tamén modificou por completo o devir nos centros de ensino e a relación dos alumnos cos seus profesores e, mesmo, cos seus compañeiros. Hai quen defende que os alumnos si deben ter móbiles en clase porque deben estar preparados para a vida adulta e que por tanto terán que aprender a convivir cun móbil igual que o fan os adultos. Pero os centros de ensino non son o seu sitio, como teñen sinalado docentes e especialistas. Nin nas aulas nin no resto dos espazos. A prohibición de uso de teléfonos móbiles nos centros educativos debe estenderse tamén ao horario non lectivo, ao tempo do recreo ou o comedor. Ese é o momento no que os alumnos teñen que desenvolver as súas habilidades sociais e non o farán se están pegados á pantalla.

Segundo os datos da Enquisa sobre equipamentos e uso de tecnoloxías nos fogares (2022) do Instituto Nacional de Estatística (INE), 70% da poboación española entre 10 e 15 anos dispón dun teléfono móbil. Todo o que contribúa, pois, a reducir o tempo que os nenos e adolescentes pasan ante o móbil debe ser recibido como unha boa nova. O número de casos de adicción a móbiles e redes sociais non deixa de crecer e a súa gravidade está directamente relacionada co momento no que os menores acceden a esa ferramenta: canto máis pequenos son, máis dependentes se volven, porque o seu cerebro inmaturo crea un vínculo máis forte co mundo dixital.

A prohibición é a resposta ante un problema que non somos capaces de manexar? Pode ser, pero aínda así, é unha boa decisión, porque o móbil é un factor moi disruptivo, que empeora a capacidade de concentración e reduce a atención e tamén afecta ás relacións sociais, ademais do risco de ciberbullyng (acoso virtual). Asumindo que cando saian de clase os nenos pasarán moitas horas enganchados ás redes sociais ou aos xogos, calquera medida que reduza as horas de exposición é acertada.