O DEBATE | Existe 'lawfare' no Estado español tal e como denuncia o presidente Pedro Sánchez?

Sesión do plenario do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) en marzo de 2024. Foto Europa Press.
Pedro Sánchez volveu pór o 'lawfare' no centro do debate no Estado. Os xuristas José Antonio Constela e Elsa Quintas debaten sobre a cuestión.

Elsa Quintas. Avogada

O "lawfare" é a forma refinada de alterar o panorama político sen necesidade de acudir ao golpe de Estado. Unha arma de guerra camuflada de legalidade. A través da xudicialización da política e retorcendo as leis preténdese encausar o opoñente para destruílo politicamente. Acompáñase dunha boa campaña mediática que convenza a opinión pública da lexitimidade da intervención xudicial, contribuíndo ao seu desprestixio.

O Estado de Dereito invoca o apartidismo e apoliticismo dos xuíces para proxectar un ideal de rigorosidade e neutralidade, de imparcialidade e de independencia. A suposta división de poderes. Mais é inxenuo crer que os xuíces son seres sen prexuízos e carentes de ideas propias.

No Reino de España a xudicatura nutriuse de familias afíns ao réxime franquista que perpetuaron os seus apelidos na órbita do dereito: profesores das facultades de Dereito, xuíces, fiscais, funcionarios da Administración de Xustiza...

Advirten da existencia do "lawfare" voces tan incuestionábeis como o maxistrado José Antonio Martín Pallín, quen considera que nun Estado democrático o Procés quedaría nun debate político no ámbito parlamentario. No sistema xudicial español os xuíces teñen a obriga de inadmitir calquera querela ou denuncia infundada e isto non vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva.

Mais hai xuíces que desouven esa obriga. Promoven investigacións contra opoñentes políticos por feitos que non existiron ou inmerecentes de reproche penal. Elíxese un xuíz determinado ou apártase aquel que non convén, selecciónanse probas de cargo mentres se ocultan aquelas de descargo e impóñense penas superiores ás que corresponden.

Só vemos a punta do iceberg. En setembro de 2019, o xuíz Salvador Alba foi condenado a seis anos de cárcere por conspirar xunto co ex ministro do PP José Manuel Soria contra a contrincante política deste en Canarias, Victoria Rosell. Previamente fora sobresaída a causa contra Rosell por non apreciarse delito, mais ela xa renunciara a presentarse ás eleccións por mor da súa imputación polo xuíz Alba.

En xaneiro de 2024 o TC resolveu que Alberto Rodríguez, deputado de Podemos, non debeu sufrir a condena de prisión que lle impuxo o TS por un altercado de 2014, senón unha pena pecuniaria que non comportaba inhabilitación. Demasiado tarde: en outubro de 2021 perdera o seu escano por mor da inhabilitación.

O xuízo do Procés apesta ao "lawfare". O TS e a Audiencia Nacional arrogáronse a competencia para encausar políticos mediante a acusación do delito de rebelión, cando o tribunal competente era o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya.

O "lawfare" existe no Reino de España, onde hai xuíces que ditan decisións por razóns políticas. A proba máis contundente da súa existencia constitúeo a incapacidade da Audiencia Nacional para averiguar quen estaba realmente tras o apuntamento “M. Rajoy” nos papeis de Luis Bárcenas.    

Mais non é "lawfare" todo o que reloce. É un descaro autoproclamarse vítima do "lawfare" quen se vale das cloacas do Estado para manter o statu quo, quen durante todo este tempo presenciou e se beneficiou do acoso xudicial doutros. O descrédito da política vén dos que a banalizan para tirar rédito electoral, dos que fan da política un espectáculo.


José Antonio Constenla. Xurista

De que fala un político español cando usa o termo importado do mundo anglosaxón, “lawfare”, ou de “xudicialización” en linguaxe patria? Se acudimos á Real Academia: “levar por vía xudicial un asunto que podería conducirse por outra vía, xeralmente política”. Isto quere dicir que aínda que o “asunto” en moitos casos pode ser, en efecto, “político”, do seu coñecemento só deberían ocuparse os maxistrados, e só a eles, en aplicación da lei, correspondería determinar se os feitos deben ser encamiñados a xuízo ou rexeitados.

As alusións de "lawfare" son unha importante volta de porca nos mecanismos de presión ao sistema xudicial no seu conxunto. Ese discurso traslada á sociedade a idea de comportamentos parciais e antidemocráticos por parte de quen desenvolve os seus deberes na persecución dos delitos.

A contorna mediática da esquerda tarda pouco en sinalar como casos de "lawfare" aqueles que incomodan aos seus líderes políticos. Se un xuíz aprecia indicios de presunto delito e decide abrir unha instrución, ollo a quen investiga. A partir de aquí, chega un punto no que dará igual o que faga a súa señoría. Se mantén pescudas abertas, terá que escoitar que alonga a investigación con intención de prexudicar, e se pecha a instrución sen procesamentos, dirán que non había causa.

O uso deste termo, máis propio como dicimos do populismo, que da harmonización co Dereito Europeo, debería facer saltar todas as alarmas e provocar unha reacción unánime da sociedade civil, en defensa do Estado de Dereito, a separación de poderes e a independencia xudicial.

O control xudicial do Poder Público é un compoñente esencial do Estado de Dereito, mesmo cando tal control se exercese sobre cuestións políticas. Xuíces, fiscais e policías deben actuar ante calquera suposto delituoso con independencia de quen sexa responsable e, por suposto, iso inclúe os delitos que fosen cometidos por quen asume responsabilidades na orde política.

Pero non son os xuíces os únicos prexudicados polo "lawfare". O dano é máis fondo e afecta a todos sen excepción. Suprimida a autonomía dos maxistrados, tal e como algúns pretenden, e posta a atribución de xulgar aos xuíces en mans do poder político, nada protexería xa ningún cidadán da autocracia dun Goberno que se arrogue a potestade de dicir a última palabra acerca de lei e maxistratura.

É verdade que os sistemas políticos non son mecanismos de reloxería, e quizá o máis parecido a ese mecanismo na esfera política sexa a división de poderes que toda democracia liberal instaura. Mediante os contrapesos institucionais, preténdese definir unha complexa repartición de tarefas en virtude da cal os servidores que ocupan os distintos cargos do Estado cumpran coas súas obrigas sen interferencias dos outros poderes.

O Poder Xudicial en España é independente, e dispón dun sistema de garantías xurisdicionais que aparta o risco de "lawfare". Por tanto, esta sofisticada e nova forma de ataque á independencia de xuíces e fiscais e de presión ao sistema xudicial no seu conxunto desde o poder político, debe ser tachada de inadmisible.