O DEBATE | Abrir o comercio en domingo: unha portunidade ou unha medida prexudicial?

Un comercio en liquidación. (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
É un debate recorrente, coas súas partidarias e detractoras, a liberalización horaria no comercio. Unha decisión, nun ou noutro sentido, con múltiples variábeis.

Pilar Estévez, da Asociación Comercio Aberto

A mediados da década dos 90 aprobáronse tanto no ámbito estatal como nas autonomías unha serie de leis que permitiron fixar unha regulación horaria, fundamentalmente no relacionado coa apertura de domingos e festivos que, aínda que non deixou totalmente satisfeitos a todos os sectores, permitiu unha certa tranquilidade, asumida tanto polo comercio, como por asociacións de consumidores, sindicatos e grandes superficies. Este equilibrio rachouno en 2012 o Partido Popular a través dunha política de desregulación de horarios comerciais. Desde ese ano, a tendencia é cada vez maior a ese mantra de que a liberdade é poder "abrir as 24 horas os 7 días da semana" e que cada un, dentro dese prazo, abra o que queira ou poida.

Pero a desregulación dos horarios comerciais só contribuiría a facilitar que os grandes establecementos comerciais poidan monopolizar a medio e longo prazo o sector e, con iso, acabar coa libre competencia e a liberdade real de mercado. A liberalización dos horarios comerciais, que permite a apertura de establecementos un maior número de festivos ou a ampliación dos horarios en días laborables non fai senón restar competitividade ao pequeno comercio. Sitúa os pequenos establecementos nunha posición de clara desvantaxe fronte ás grandes cadeas e centros comerciais.

Anged, a patronal de grandes superficies non perde oportunidade para pedir cambios na lexislación comercial actual, que "quedou ancorada no século XX". Anged sempre puxo como exemplo a Madrid e a súa Lei de dinamización da actividade comercial de 2012, que establece que os empresarios teñen liberdade para abrir os seus establecementos todos os días da semana no horario que eles determinen. O propio alcalde madrileño, Rodríguez Almeida, mostraba a súa sorpresa ao volver dunha viaxe a Euskadi que alí o comercio estivese fechado o domingo.

"A liberalización total de horarios levaría inevitablemente á desaparición do pequeno e mediano comercio" 

O artigo 5.1 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, permite a apertura dos comercios un máximo de dez domingos e festivos ao ano. Permitir a apertura ilimitada ten efectos negativos en múltiples aspectos, como a da conciliación da vida laboral e familiar, e é prexudicial para as condicións de traballo das persoas que forman parte do sector. En 2022 pecharon uns 1.400 comercios retallistas en Galicia, un dato que mostra as dificultades que atravesa o sector. Un sector moi importante para a propia vida das vilas e cidades. A protección é unha necesidade. O que xera un comercio tradicional dunha cidade ou vila queda na cidade ou vila. As grandes superficies teñen outro réxime de fiscalidade. 

Os consumidores necesitan un modelo comercial que lles permita manter o dereito para elixir onde queren comprar. Para logralo, hai que garantir a existencia das distintas formas comerciais: pequeno e mediano comercio, venda ambulante, grandes almacéns, centros comerciais e grandes superficies. Tamén o comercio electrónico. Pero unha liberalización total de horarios levaría inevitablemente á desaparición de boa parte desas modalidades. E con iso perdemos todos.


Javier R. García, economista

O debate de abrir os comercios en domingos e festivos leva producíndose desde hai anos. Pero o  comercio electrónico e a chegada de fenómenos como Amazon, por poñer dous exemplos, obriga a que este debate non poida realizarse nos mesmos parámetros que hai 20 anos. Cambiou todo e non estamos nunha película de bos e malos, senón ante un fenómeno que obriga a repensar e adaptar o que se entende por comercio e a relación cos clientes. Uns clientes, por certo, que tamén cambiaron e xa non son os de hai 10 ou 20 anos. Novas obrigas laborais, novos modelos de vida fan que as demandas e necesidades sexan outras distintas ás que pode ofrecer o típico letreiro de atendemos de 10 a 14 e de 16 a 20.

Segundo un informe europeo sobre a liberalización dos domingos nunha trintena de países, o máis concluínte é que non había unha conclusión sistemática para todos os países. Non se pode dicir que é un desastre para o pequeno e mediano comercio ou o contrario, depende de diferentes factores. 

No conxunto de Europa, só Francia e Austria teñen máis restricións que España en canto a horarios, que se sitúa ao nivel de Francia. Unha anomalía se temos en conta que 11 países da UE xa dispoñen de plena liberdade de horarios comerciais —entre eles países nórdicos que son exemplo de estado de benestar—e outros 5 gozan dunha flexibilidade case completa. En España, fóra da Comunidad de Madrid, onde o comercio pode escoller os días e horarios de apertura, a maior parte das comunidades manteñen un réxime de 10 domingos e festivos de apertura autorizada ao ano, como é o caso galego.

"O comercio electrónico e os novos modos de vida obrigan a modificar o modelo tradicional"

Debe de liberalizarse o horario comercial? Esta pregunta non necesariamente quere dicir que se permita abrir os 365 días do ano as 24 horas de cada día. Pero debería deixar de ser un tabú que o comercio poida abrir o domingo, como fan outros negocios —a hostalaría, por exemplo— ou como acontece en non poucos países europeos, como vimos antes, e onde o comercio goza de boa saúde.

Nos últimos anos produciuse un extraordinario auxe do comercio electrónico. A flexibilidade horaria permite ao comercio presencial poder adecuarse e diferentes e distintas ás que son habituais agora. A estrutura dos fogares experimentou, ademais, unha importante transformación na última década, cun forte crecemento dos de carácter unipersoal e de dous membros que traballan, e que representa unha maior demanda de poder realizar as súas compras en domingos e festivos.

Tamén hai que ter en conta o factor emprego, pois con ese novo modelo horario habería que crear novos postos de traballo para poder atender a demanda, que sería maior.

A liberalización de sectores produtivos e mercados é unha porta para favorecer máis competencia, fai máis amplo o mercado e ofrece aos consumidores unha maior gama de bens e servizos e a mellores prezos.