O drama da auga 'potábel': os encoros e lagos do mundo mostran unha importante saturación de plásticos

Plásticos nun lago (Foto: Rafael Carballeira).
A auga é un recurso fundamental para a vida humana e o mantemento das funcións ecolóxicas polo que os niveis de microplásticos nos ecosistemas acuáticos continentais están a pór en risco a dispoñibilidade de auga potábel en determinadas rexións, indican os autores do estudo

Un estudo internacional publicado na revista Nature, no cal participan investigadores da Universitat de València (UV), confirma a ameaza para o ser humano e a vida acuática pola alta contaminación dos residuos derivados de plásticos e microplásticos.

Aínda que as investigacións se centraron principalmente nos océanos até hoxe, o estudo revela a presenza destes contaminantes nos lagos, máis alá de áreas con grandes zonas urbanas ou altamente transformadas polo ser humano.

O traballo Plastic debris in lakes and reservoris, liderado polas investigadoras Verónica Nava e Barbara Leoni, da Universidade de Milán-Bicocca, permitiu solicitar datos de lagos e encoros en 23 países e 6 continentes, coa colaboración de 79 investigadores vinculados á Rede Mundial de Observatorios Ecolóxicos de Lagos (GLEON).

Nel participou o investigador galego Rafael Carballeira, dedicado ao estudo dos lagos ibéricos e o seguimento do seu estado ecolóxico coa finalidade de garantir a dispoñibilidade dos recursos hídricos e o sostén da biodiversidade terrestre, liña de investigación que se enmarca na dilatada traxectoria do grupo de Limnoloxía, do que forma parte no Instituto Cavanilles de Biodiversidade e Bioloxía Evolutiva da Universitat de València.

Os ecosistemas acuáticos ibéricos estudados son o encoro de Sau (Barcelona), Alqueva (Portugal, o encoro máis grande de Europa Occidental), e na Galiza, Meirama (lago artificial), Cecebre (encoro) e Doniños (lago natural). Cecebre e Meirama son as principais fontes de abastecemento da cidade da Coruña.

Os valores de microplásticos de todos eles sitúanse nun rango intermedio, con valores elevados no caso do encoro de Sau e mínimos no lago natural de Doniños. Os niveis detectados son preocupantes de fronte ao futuro tanto porque condicionan a dispoñibilidade de auga potábel de consumo humano como polas posíbeis repercusións na vida salvaxe.

Nalgúns lagos chégase a rexistrar maior nivel de contaminación que nos océanos. É o caso dos lagos Maggiore (Lugano, Italia), Tahoe (EUA) e Neagh (Reino Unido), xunto aos cales hai unha importante actividade turística e á vez son a principal fonte de abastecemento de auga para as poboacións humanas da zona.

O uso da tecnoloxía máis avanzada, como a micro-espectroscopía Raman, permitiu detectar e determinar con certeza suficiente a composición dos plásticos, e constatar que son maioritarios os residuos de poliéster, polipropileno e polietileno.

Ademais, a aplicación dunha metodoloxía estandarizada centralizada na Universidade de Milán-Bicocca permitiu por primeira vez obter resultados comparábeis dos niveis de residuos de plástico a partir de mostras recompiladas en todo o mundo a través de importantes gradientes xeográficos, climáticos e antrópicos.

Este estudo revelou os preocupantes niveis de residuos de plástico e microplásticos (< 250 micras) que existen nas augas doces e que chegan a eles a través da rede hidrolóxica que os alimenta, atopándose os lagos e encoros ibéricos en niveis intermedios entre os rexistrados a nivel mundial.

A pesar de que aínda se descoñece con exactitude a posíbel repercusión dos microplásticos sobre a saúde humana, sábese que determinados fragmentos (< 150 micras) están a incorporarse nos tecidos humanos, mesmo na placenta durante a xestación, co consecuente risco que supón a exposición crónica ante a presenza no organismo humano de compostos sintéticos potencialmente tóxicos, como xa se está observando en organismos acuáticos ou en estudos in vitro, celulares ou con animais de experimentación animal.

Cambio global

Desde a Universitat subliñan que a auga é un recurso fundamental para a vida humana e o mantemento das funcións ecolóxicas polo que os niveis de microplásticos nos ecosistemas acuáticos continentais están a pór en risco a dispoñibilidade de auga potábel en determinadas rexións, especialmente grave pode ser no futuro ante o contexto de cambio global que está a acentuar os períodos de seca e comprometendo a dispoñibilidade de auga en determinadas áreas xeográficas como a Península Ibérica e o Sur de Europa.

A alta capacidade do ser humano de transformación dos ecosistemas naturais e a elevada produción de compostos sintéticos derivados do petróleo como os plásticos supón unha preocupación crecente ante a posibilidade que comportan unha disrupción nos ciclos bioxeoquímicos naturais e alteran os servizos ecosistémicos dos humidais de auga doce que sosteñen o benestar humano e a conservación da vida salvaxe.