O Goberno español podería adiar a aprobación da LOMCE após o suceso da folga

Embora o Goberno español tenta minimizar o alcance da greve -o Ministerio de Educación fala dun seguimento de apenas o 20%-, fontes consultadas pola Cadena SER afirman que o Executivo de Rajoy podería adiar a aprobación da LOMCE, que en teoría ía ir esta sexta feira ao Consello de Ministros.

O Goberno do PP ten dous problemas en relación coa reforma educativa. O primeiro, a enorme contestación social, substanciada hoxe nunha greve cun grao de seguimento e amplitude -do ensino primario até o universitario- sen precedentes. O segundo, a falta de apoios parlamentares.

En realidade, hai até un terceiro problema. Mesmo o Consello de Estado -presidido polo ex tesoureiro do PP, José Manuel Romay Beccaría- ten formulado obxecións ao texto da LOMCE.

A impresión xeral é que o suceso da greve ten impactado no goberno e que este mesmo podería estar a pensar nun aprazamento na aprobación da lei, o que non significa que vaia renunciar aos seus aspectos esenciais, nomeadamente no que atinxe ao seu carácter privatizador e recentralizador de aspectos competenciais.

Fontes consultadas pola SER apuntaban esta mesma tarde que o Goberno podería optar por non levar a lei aínda ao consello de ministros e testar a hipótese de introducir algunha modificación na lei na dirección apuntada polo Consello de Estado.