O informe PISA, baixo a lupa

Alumnas e alumnos nunha aula de secundaria (Europa Press).
O informe PISA volve deixar un regueiro de titulares e sobresaltos que de pouco lle serven á educación escolar que se gaba de mellorar. Até non hai moitos anos era unha referencia imprescindíbel para calquera Goberno. Agora redúcese a un par de cifras que recalcan a diferenza entre gañadores e perdedores.

O informe PISA ofrece cada tres anos os resultados do Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Un estudo que se desenvolve a nivel mundial e que avalía a capacidade do alumando en tres áreas do coñecemento concretas: matemáticas, ciencias e comprensión lectora. Non se centra en materias concretas pero tampouco atende todos os ámbitos do saber que na práctica desenvolve o sistema educativo.

As probas tampouco van dirixidas a alumnas e alumnos dun curso escolar específico, senón a rapazas e rapaces de 15 anos seleccionados a partir dunha mostra aleatoria de medio cento de escolas públicas e privadas por cada comunidade autónoma.

Nos últimos anos os resultados do informe PISA son máis temidos que cobizados. Esta viraxe coincide cun aumento das críticas ao sistema impulsado pola OCDE que a comunidade experta ten definido como “preciso e fiábel, pero non perfecto”.

As queixas máis comúns teñen que ver coas dinámicas propias dos exames e dos sistemas educativos que o programa de avaliación pretende comparar, cando os tempos de resposta son variábeis, ao igual que a porcentaxe de probas non cuantificadas, o acceso á escolarización ou os obxectivos, os currículos e os orzamentos educativos.

PISA 2018

Malia os receos, o informe PISA mantén o seu empeño. Na súa última edición, correspondente a 2018 e publicada esta terza feira, reflicte un empeoramento dos resultados tanto na área de matemáticas como de ciencias, xa que de momento non hai datos sobre comprensión lectora “por anomalías nas respostas”.

O caso galego proxecta resultados máis alentadores. En ciencias, onde figura como territorio á cabeza, e en matemáticas, onde mellora a súa última marca. Após as grandes cifras o informe deixa entrever unha “polarización” das notas, cunha medra destacada tanto das mellores como das peores.

E aí reside un dos problemas fundamentais, na forma de encaixar os resultados e derivar as obrigas que se poidan extraer deles, más aló das clasificacións, dos gañadores e dos perdedores.

Críticas

Desde a CIG-Ensino son moi críticos coa intervención de calquera organismo institucional ou empresa privada no mundo do ensino. Máis se son entidades alleas a calquera control democrático como é o caso da OCDE, explica o secretario nacional Suso Bermello. “Porque a súa única intención é condicionar o currículo escolar e a actividade docente e estamos en contra de todo dirixismo imposto por persoas e organismos que nós non eliximos, e que o único que buscan é controlarnos”.

A súa única intención é condicionar o currículo escolar e a actividade docente. Estamos en contra de todo dirixismo imposto por persoas e organismos que nós non eliximos, que o único que buscan é controlarnos.

Neste sentido, asegura que probas como as que promove o informe PISA, deseñadas “supostamente” para avaliar a calidade do ensino, fanse “a imaxe e semellanza” dos intereses particulares de entidades co quen da OCDE. E non é a única inxerencia, di. “A Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) é o resultado dos ditados da OCDE: as probas externas, o control curricular, as inxerencias egoístas na liberdade de cátedra”.

Medir a excelencia

Para Suso Bermello é fundamental medir a excelencia do sistema educativo pero rexeita o sistema que repite ano tras ano o informe PISA. “Os parámetros que atende non son os que debera ter en conta. Por exemplo, non mide en ningún caso as actuacións que levan a cabo os distintos Gobernos para emendar as eivas do sistema educativo. Tampouco avalía todas as áreas por igual, o que significa que relega outras compentencias como as artísticas”, que tamén deberan ser consideradas, di.

“O informe PISA non serve para nada”, insiste Bermello, que unha oportunidade en moitos dos foros habituais que se celebran dentro do mundo do ensino. Segundo relata a Sermos Galiza, hai alternativas para poder prescindir de informes supraestatais como o impulsado pola OCDE e deberían saír adiante “por consenso, mediante a participación de todas as persoas que forman parte da comunidade educativas: profesorado, sindicatos, asociacións de nais e pais”. “Hai espazos xa concibidos nos que isto pode suceder, como son os consellos escolares. Pero nunca se usaron para isto”, conclúe.

A excelencia mídese ao longo do tempo e ten que ser parte do proceso educativo. Un exame non serve para avaliar a calidade do sistema, nin o coñecemento do alumnado.

Desde as aulas tamén se expresa José Manuel Vázquez, profesor de metemáticas no IES Chamoso Lamas do Carballiño. "A excelencia mídese ao longo do tempo e ten que ser parte do proceso educativo. Un exame non serve para avaliar a calidade do sistema, nin sequera o coñecemento ou a capacidade real do alumnado".

Para o profesor Vázquez os resultados do informe PISA son pouco fiábeis, máis cando "hai centros que preparan estas probas ex profeso, ao igual que as reválidas". Non todos o fan, di, do mesmo xeito que tampouco todas as alumnas completan en serio este tipo de exames. "Cando saben que ese exame non vai ter ningunha repercusión no seu expdiente persoal, a predisposición, a concentración e o interese cambian", advirte.