O PP veta a entrada ao Concello de Compostela de funcionari@s que protestaban contra os recortes
O PP de Compostela, atendendo a unha concepción das institucións públicas "como se fosen leiras privadas" --en palabras de Anxo Louzao--, vetou esta cuarta feira a entrada ao concello a ducias de traballador@s da función pública e delegad@s sindicais.
Así, alegando motivos de seguridade e ordes do alcalde, axentes da policía local impedíronlles asistir á reunión convocada pola Plataforma en defensa dos servizos públicos para decidir as accións a desenvolver en contra dos recortes. Desta plataforma fan parte, entre outros colectivos, as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-F.
O colectivo tiña solicitado e concedido o acceso a unha sala do edificio consistorial para dar unha conferencia de prensa, mais tiveron que "facela no corredor", informou Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino e voceiro da plataforma. Valorou Louzao que a actitude do goberno local que lidera Ángel Currás foi "máis unha mostra da actitude represiva, autoritaria e antidemocrática".
Vetar a entrada a un edificio público
Tal e como explicou o sindicalista, o acceso ás instalacións municipais "non se lle pode impedir a ninguén", polo que considerou o acontecido como "un ataque á liberdade sindical" e "un sinal da identidade represiva" que caracteriza calquera administración en mans do PP. No concello de Compostela tamén se lle vetou o acceso á prensa, nomeadamente servizos gráficos.
Entrementres a estas persoas se lles impedía entrar no concello, unha faixa estendida no interior do edificio consistorial pol@s integrantes da Plataforma que si lograron acceder daba conta das intencións do acto: 'En defensa dos servizos públicos. Non ao recorte dos nosos dereitos'.
Trátase dun peche de 24 horas que tivo ecos noutros centros da administración e nos centros máis importantes das distintas áreas sanitarias do país. Así, as imaxes que acompañan esta información corresponden tamén á Coruña, onde o persoal da área pública se encerrou no edificio da Xunta en Monelos e na Xerencia do CHUAC.
A policía española non quere galego
A CIG e delegad@s de UGT no concello anunciaron que presentarán unha denuncia na comisaría, perante a policía española. Tamén alí se rexistraron incidentes. Segundo contou a secretaria nacional da Área pública da CIG, Carme López Santamariña, "puxéronnos todo tipo de pexas para que puidese estar en galego. Quen nos atendeu sinalaba á bandeira de España do seu uniforme para xustificar a redacción en español".
Fóra do concello, entre cánticos de Aquí está, aquí se ve, a democracia do PP, @s integrantes da Plataforma cuxo acceso ao edificio público foi vetado lembraron que o 15 de outubro ás sete do serán tod@s @s traballador@s da función pública están chamad@s a unha manifestación nas sete cidades galegas. O obxectivo, o mesmo que o do acto de hoxe, resúmeo Anxo Louzao: "evidenciar o saqueo do PP e deixar claro que non estamos dispostos a calar".
A rebaixa nos salarios de empregad@s públic@s foi do 20% desde xuño, e moitos xa non chegan aos 1.000 euros. Louzau responsabilizou o PP tamén de quedar con parte dos seus salarios, quitarlles a paga extraordinaria e mesmo "impedirlles enfermar".
Privatización e desmantelamento do público
Sinalou o secretario xeral de CIG-Ensino que "Feijóo é un adiantado aos recortes", ao non aplicar só aquelas medidas ditadas desde Madrid, senón que penaliza na Galiza dereitos como as baixas laborais "moito máis do que a propia Administración central".
Recalcou que a man do PP foi a causa "non só da privatización senón tamén do desmantelamento" dos servizos públicos, cunhas consecuencias que exceden do eido laboral e encetan o social, "o alicerce fundamental de calquera estado democrático".