O PSdeG ourensán denuncia que a tarxeta sanitaria galega exclúe emigrantes que viven en Europa

O secretario provincial de migracións do PSdeG, Luís Gulín Iglesias (Foto: Nós Diario).
A área de migracións socialista acusa á Xunta da Galiza e a Alfonso Rueda de “crear unha falsa sensación” entre os galegos e as galegas do exterior residentes en Europa.

O PSdeG de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións, informa que a tarxeta sanitaria galega, para galegas e galegos residentes no estranxeiro, non é válida para os que residen en Europa e exclúe aos cónxuxes non galegos.

A área de migracións socialista acusa á Xunta da Galiza e a Alfonso Rueda de “crear unha falsa sensación” entre os galegos e as galegas do exterior residentes en Europa. Tal e como explica o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, “a Xunta anunciou que estas persoas poden acceder gratuitamente á sanidade galega durante as súas estancias temporais de vacacións na Galiza, algo que non é certo”.

Tal e como explican desde o PSdeG, o acceso á tarxeta sanitaria dixital “só é válida para os galegos e as galegas residentes fóra da Unión Europea”. Incluso os galegos e as galegas residentes en Andorra, Brasil e Chile non poder acceder a esta prestación, ao existir un convenio bilateral coa seguridade social española.

Nos últimos días, a área de migracións recibiu solicitudes de información por parte de emigrantes residentes en Arxentina e Uruguai sobre se o cónxuxe español e non galego pode acceder a esa tarxeta sanitaria dixital.

Tal e como explica Luís Gulín “ao ser un dos requisitos imprescindíbeis figurar rexistrado no padrón de españois residentes no estranxeiro en calquera dos concellos da Galiza, moitos galegos e galegas no exterior teñen cónxuxes ou parellas de feito con nacionalidade española, mais rexistrados no padrón municipal doutros territorios”.

Por este motivo, exixen a Rueda que cumpra a súa promesa electoral e preste asistencia sanitaria gratuíta "mesmo aos emigrantes retornados definitivos de Suíza”.