O rural galego tamén vai á Folga xeral

A Federación Rural Galega (Fruga) lanza un chamamento á poboación do medio rural a secundar o paro convocado polas centrais sindicais o vindeiro 14N.

 

O deterioro dos servizos públicos no rural galego estase a notar con máis dureza que en calquera outra zona do país. Peche de escolas e centros de saúde ou desatención das persoas idosas exemplifican a situación. É por iso que a Fruga chama á poboación rural a secundar a xornada de folga xeral convocada na Galiza para o vindeiro 14 de novembro.

A organización agraria expresa o seu apoio á xornada de loita que se desenvolverá tamén en Portugal, Italia, o Estado español, Bélxica e Chipre, e ás mobilizacións que nese día se desenvolvan polas rúas do noso país dando así, na procura "dunha resposta masiva contra as políticas de recortes e demandar outras políticas económicas que procuren a reactivación da economía". 

Sinala ao rural deste país como un dos principais coñecedores das consecuencias derivadas da crise económica e das políticas aprobadas polos goberno galego e español –orientadas a beneficiaren e salvagardaren os intereses da banca e o capital financeiro, en troca de protexeren ás maiorías sociais-, ademais dos problemas estruturais do sector agrogandeiro e lácteo, polo que entenden que o 14N tamén está en cuestión a defensa dos seus dereitos.