Sexilio e diversidade: o Concello de Compostela e a Deputación da Coruña estrean programación para reivindicar a realidade LGBTI

Goretti Sanmartín presentou a programación de 'Compostela Diversa'. (Foto: Nós Diario).
O Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña avanzan cadansúa programación para dar a benvida ao mes do Orgullo LGBTI. 

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín presentou esta quinta feira, 23 de maio, unha nova edición de 'Compostela Diversa', unha iniciativa nada en 2018 para impulsar a reflexión, difusión e visualización da realidade LGBTI.

A programación deste ano porase en marcha a vindeira segunda feira, 27 de maio, e terá continuidade até o 30 de xuño. Inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de concienciación sobre a diversidade sexual e de xénero que contará coa participación de 200 estabelecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros da cidade.

"Queremos que 'Compostela Diversa' teña unha presenza forte na rúa", iluminada e decorada para a ocasión até finais de xuño, destacou Sanmartín.

Para a alcaldesa, 'Compostela Diversa' é unha cita consolidada, un referente na Galiza para o avance na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGBTI.

Memoria Diversa

Pola súa parte, a Deputación da Coruña tamén deu a coñecer este 23 de maio os detalles do III Congreso 'A Memoria diversa', un encontro que terá lugar os días 31 de maio e 1 de xuño no espazo de intervención cultural A Normal da Universidade da Coruña.

Xornalistas, investigadoras e activistas LGBTI participarán nun encontro que escolleu o sexilio como asunto principal de debate e reflexión, un termo que fai referencia ao fenómeno polo cal unha persoa do colectivo LGBTI se ve obrigada a abandonar a súa vila ou cidade debido á discriminación ou á LGBTIfobia que sofre na súa contorna.

O sexilio de Elisa e Marcela, da man de Ailén Kendelman, actriz e cofundadora da compañía teatral A Panadaría, centrará a intervención inaugural do congreso. O editor Antón Lopo collerá a remuda para falar da poesía do sexilio e de Eduardo Blanco Amor, á que fará as súas propias achegas o activista Éric Dopazo.

Elpidio Domínguez Ruiz e Daniela Ferrández abrirán a xornada do sábado cunha intervencións sobre os sexilios a través do tempo e dos espazos. A actualidade do sexilio será tratada polo refuxiado político ruso e activista LGBT Roman Efrenov. A xornada rematará cos relatorios de Fefa Vila, Bob Pop, Ares Piñeiro e Nee Barros sobre sexilio memoria e diversidade no rural e na literatura.