O TSXG rexeita suspender a autorización do parque eólico Acibal, polo que continuarán as obras

Coto do Mouro, no Acibal, danado polas máquinas unha semana antes de que o dinamitasen. (Foto: Amil sen Eólicos).
No seu auto, a Sala de Vacacións do TSXG explica que para poder adoptar unha medida cautelarísima como a solicitada por Ecoloxistas en Acción, que supón non dar audiencia ao resto de partes, é necesario que a situación exposta "sexa de especial urxencia", algo que non considera que aconteza no caso estudado a pesar de se tratar o Acibal dunha zona cun alto valor arqueolóxico.

A sección terceira da Sala de Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) denegou de novo unha solicitude de medidas cautelarísimas presentada por Ecoloxistas en Acción para paralizar a construción dun parque eólico, neste caso o de Acibal, situado nos municipios de Barro, Campo Lameiro e Moraña, e promovido pola empresa Norvento.

Na súa reclamación, a asociación ecoloxista expuxo catro motivos para solicitar a suspensión das obras e dos actos administrativos que lle dan amparo: afectación grave ás brañas de Amil (impacto sobre a fauna e réxime hídrico), afectación sobre o curro de Amil (paso do gando e cabalos e afectación ao curro dos animais e á paisaxe cultural e visual), afectación a descubrimentos arqueolóxicos de grande importancia cultural e graves irregularidades na tramitación do expediente.

No seu auto, a Sala de Vacacións do TSXG explica que para poder adoptar unha medida cautelarísima como a solicitada por Ecoloxistas en Acción, que supón non dar audiencia ao resto de partes, é necesario que a situación exposta "sexa de especial urxencia", algo que non considera que aconteza no caso estudado.

En concreto, apunta que o acto que se recorre foi publicado no DOG en marzo do ano 2022, e que as obras, aínda que non se identifica o momento exacto de inicio das mesmas, parecen levar xa tempo en execución.

Os maxistrados din que a asociación non xustifica "por que non se puido solicitar antes a medida", nin cal sería a inminencia dos danos no medio natural que xustifiquen prescindir da tramitación ordinaria. Lembran, ademais, que dos informes periciais despréndese que a asociación recorrente coñecía as obras desde, polo menos, o mes de abril deste ano.

Polos motivos expostos, o tribunal entende que non concorren os motivos de especial urxencia que exixe a lei para habilitar o mes de agosto e que xustifiquen a medida de suspensión solicitada sen dar audiencia ao resto de interesados. Desta forma, o procedemento seguirase polos trámites ordinarios.

Outros casos

A situación replica a rexistrada a inicios deste mes de agosto, cando a mesma sala emitiu cinco autos nos que se denegaban as medidas cautelares urxentes solicitadas pola mesma asociación para suspender de forma urxente a autorización previa e de construción dos proxectos dos parques eólicos de Serra do Faro, Vilartoxo, Monte Festeiros, As Penizas e Reboiro.

En ningún dos casos a Sala apreciou "a urxencia requirida pola lei para a tramitación inaudita", é dicir, sen oír a parte contraria, neste caso, á Consellaría de Economía, Industria e Innovación. Por iso, sen entrar no fondo do asunto, decretou que as solicitudes de medidas cautelares se resolvan mediante o trámite ordinario, non polo urxente, tal e como reclamaba a asociación ecoloxista.

Ademais, o TSXG emitiu entón tamén outro auto no que se inadmitía a solicitude de medida cautelar urxente solicitada pola Asociación Petón do Lobo, consistente na suspensión da resolución do 23 de abril de 2023 pola que a Xunta outorgou autorización administrativa previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro.