O xuízo ao xornalista detido na folga do 29-M visto para sentenza

Detención do xornalista o 29-M
O xornalista da CIG detido durante a folga xeral do 29-M asegura que no xuízo  “a fiscalía deixou á marxe a súa neutralidade”.

No decorrer da folga xeral que tivo lugar o pasado mes de marzo, un dos tres xornalistas encargados de desenvolver a cobertura informativa da mesma, foi detido polas forzas policiais acusado –supostamente-- de terse negado a ser identificado. No entanto, el segue a afirmar que a súa “detención quería evitar que existisen imaxes” dos actos que se estaban a producir nos piquetes. Segundo relata, os cordóns de anti-disturbios “forcexeaban e insultaban” a algunhas das persoas que conformaban o piquete. Após ser increpado pola policía, cando @s sindicalistas abandoaban o lugar no que aconteceron os feitos “abordáronme e non me deixaron nin sacar a identificación” que o acreditaba como xornalista dun medio de comunicación. “Colléronme polos brazos e dixeron que me ían levar a unha zona de seguridade”, porén, el exixía que tivesen coidado co equipo que portaba, mais despois de ser reducido e esposado poucos metros máis alá, o seu material de traballo xa rachara.

Os axentes acusaron ao xornalista de terse feito dano el mesmo ao resistirse

Xa na comisaría “o trato foi moi belixerante”. O xornalista denuncia –como o fixo no xuízo-- que o levaron a un centro de saúde en Coia –malia demandar ser recoñecido no Hospital Xeral-- e que mesmo os policías estiveron presentes durante a consulta “co acordo da médica”, asegura o xornalista, ao que lle parece inadmisíbel que, asemade, o parte médico lles fose entregado aos axentes e non ao afectado.

A pasada terza, desenvolveuse o xuízo no que ambas as dúas partes estaban acusadas. O xornalista por “desobediencia á autoridade” e os axentes que practicaron a detención polo emprego da forza de maneira desmesurada, porén, B.R denuncia que “a fiscalía obviou as probas achegadas polos avogados e decide culparme a min”. Durante decorrer do xuízo, asegura que “con nós en xeral houbo un trato moi belixerante, a fiscalía deixou á marxe a súa neutralidade” o que dá mostra, di, “do contexto no que nos atopamos”. O xornalista asegura, asemade, que durante a sesión “os policías amosaron desvergoña nas súas declaracións”. Os axentes aseguraban que “El daño se lo hizo él al resistirse" ou mesmo que cantos máis axentes interveñan nunha detención “menor daño se hace".

“A fiscalía obviou as probas achegadas polos avogados e decide culparme a min”

Finalmente, e á espera da sentenza, a fiscalía pide 280€ de multa para o xornalista por “desobediencia á autoridade” e os avogados da policía 600€. Entrementres, a defensa solicita unha multa de 600 euros (10 euros diarios durante dous meses) para un dos axentes, por unha falta de lesións e unha indemnización por falta de danos (770 euros do equipo profesional e uns 1.200 polos 21 días de baixa médica) para os dous.