Falece unha persona tras chocar un vehículo e un camión en Mañón

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Tiña 48 anos e era veciña do Barqueiro.

Unha muller de 48 anos de idade e veciña do Barqueiro perdeu a vida esta segunda feira após producirse unha colisión entre un vehículo e un camión na localidade de Mañón, comarca de Ortegal.

Segundo informou o 112 Galiza, un particular avisou deste sinistro á central de emerxencias ás 13:33 horas. En concreto, o accidente produciuse no quilómetro 67.5 da estrada AC-862, ao seu paso pola parroquia de Mogor.

Até o lugar, mobilizados polos operadores do 112, desprazáronse membros do GES de Ortigueira, axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Xa no punto, os profesionais sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento da vítima.

O accidente produciuse nas proximidades do núcleo do Barqueiro e, segundo se tivo coñecemento do alcance do sinistro, as mostras de conmoción fóronse sucedendo entre os veciños da falecida.