Pascual Serrano: "Non se pode dar exemplo de liberdade fechando medios"

O xornalista Pascual Serrano nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pascual Serrano)
Após a decisión no seo da Unión Europea de censurar os medios estatais rusos, Nós Diario fala da cobertura mediática da guerra en Ucraína con Pascual Serrano (1964), xornalista valenciano que aborda temas internacionais e colabora en distintos medios, entre eles Sputnik, un dos afectados.

—A Unión Europea decidiu censurar os medios estatais rusos RT e Sputnik, vostede colabora con Sputnik, entre outros medios, recibiu algunha presión sobre que ten que escribir?
Eu escribo semanalmente en Sputnik, escribo unha reportaxe sobre temas internacionais, propoño un tema cada semana que no 98% dos casos é aceptado e nunca me corrixiron nada, é máis, o comentario con respecto aos meus artigos é sempre pedirme que busque a ligazón na que se explica determinado dato, información ou fonte, cousas así.

Eu non vou dicir isto que din habitualmente moitos xornalistas de que nunca me censuraron nada, é evidente que todos temos unha liña editorial e que eu tamén a teño, supoño que no momento no que me propuxeron escribir entenderon que a miña liña editorial podía coincidir coa de Sputnik, eu entendo que cada medio e xornalista ten a súa posición, o que non se debe permitir é mentir baixo ningún contexto e manipular, e iso eu non o fago e tampouco creo que o faga Sputnik.

O que non quere dicir que todo o mundo puidese publicar calquera opinión en Sputnik, igual que non todo o mundo pode publicar calquera opinión en El País nin no ABC ou en TVE

—Algunha diferenza con respecto a outros medios cos que colabora?
Pois si, que o medo a que os acusen de manipuladores leva á necesidade constante de buscar unha fonte que xustifique cada dato e afirmación que dou, esa é a diferenza que vin. 

—A que achaca a decisión da Unión Europea de bloquear o acceso a medios estatais rusos? 
Simplemente no feito de que a liberdade de expresión foi pura mentira, unha farsa que servía de coartada para dicir que nos éramos o mundo libre e os demais non o eran, mais cando chega o momento da verdade saen con que os medios rusos xa non son medios e a información xa non é información.

É curioso porque se repasamos todos os desmentidos das noticias falsas que circulan por aí das empresas que se adican a iso decátaste que a meirande parte destas novas falsas son dos nosos medios, non dos rusos, ninguén fixo unha boa reportaxe que conte as 10-30-50 novas falsas ou enganos da televisión ou das axencias rusas, iso non o publicaron. Eu agora podo sacar dez exemplos de manipulación de calquera xornal ou televisión española, e estou agardando que fagan o contrario.

—Cales son as chaves informativas que se poden extraer desta guerra?  
Primeiro un traballo previo de satanización dun presidente, co que se pode ou non estar de acordo, pero que na miña opinión é igual de democrático que o de Ucraína, nin máis nin menos, e que é lexitimo en tanto todos o son segundo a carta fundacional da Organización das Nacións Unidas (ONU).

A continuación, que se ignoren os antecedentes de que Ucraína leva oito anos en guerra e 13.000 mortos, asemade, ignóranse chaves xeopolíticas que supoñen que pór armas á beira dun país evidentemente é atentar contra a seguridade dese país e crear unha situación de agresividade, ninguén dubidaría de que pór mísiles en México e Cuba sería un acto de agresión contra os Estados Unidos (EUA).

Cal é a exixencia de Rusia, como se podía ter evitado isto? Se Rusia non tivera intervido, claro, esa é a tese maioritaria, se Rusia fica quieta e acepta ter mísiles ao lado e o desenvolvemento dunha guerra en Ucraína ignorada polo resto do mundo, pero tamén iso pasaría noutro escenario, se Ucraína se tivera declarado país neutral e non tivera pedido entrar na OTAN. Todo se tería resolto só con iso, e neste momento pódese resolver tamén con iso.

E logo está a dobre moral, o que fai Rusia en Ucraína non é menos malo que o que fixeron os EUA atacando Serbia. Pór agora Occidente como exemplo de paz cos antecedentes dos EUA e a OTAN é unha farsa, pero que se queira dar exemplo de liberdade de expresión fechando medios é a continuación da farsa.

Loitar contra a desinformación

Amais, destaca que por pensar que “non se debe arrasar con Iraq, Siria, Libia ou Serbia violando as leis internacionais inmediatamente dinche que es un defensor de todas estas persoas e países, e non é certo”, reiterando que calquera sanción que se lle teña que aplicar a Rusia terase que levar aos organismos internacionais, En cambio, “aplicámolas de maneira unilateral porque nos consideramos os sheriffs do mundo, e non o somos, as sancións haberá que levalas aos organismos internacionais, como se levaron a intervención de Israel en Siria ou a de Arabia Saudita no Iemen, non é o que di [Josep] Borrell, nin [Joe] Biden nin a OTAN.