Que Facer?

A oferta da finde vai desde os documentarios até a billarda

Víctor Coyote, este sábado en Carballo

A fin de semana trae unha presada de ofertas para non perder. Velaquí as tendes.

 

  • Sexta feira

 

Ciclo de documentários

Negreira

Auditorio do Centro Sociocultural

20.30h

Terceira cita do ciclo de documentarios Val de Barcala, coa proxección de Fíos Fóra e un posterior coloquio coas súas realizadoras. Trátase dunha peza audiovisual onde as protagonistas son as traballadoras galegas do sector téxtil. A actividade é gratuíta con entrada solidaria: recolleranse alimentos non perecedoiros que serán doados aos Servizos Sociais da comarca.

Ad Heyra Liti + Canela Cafuné

Vilar dos Santos

A Arca da Noe

Concerto de Canela Cafuné e Ad Heyra Liti, con pezas que van desde o soul ou o jazz, pasando polo pop e o rock até folk con influencias de músicas islandesas.

 

  • Sábado

 

Pontevedra a pé

Pontevedra

Diante da casa do concello

12.30h

Cunca e Nécora, un roteiro para coñecer a zona monumental da cidade do Lérez, con información sobre o patrimonio, a gastronomía, o modelo de cidade e as historias que dela brotan. Ademais, tamén comezan os Minipaseos (19h, praza da Peregrina), unha alternativa destinada ao público miúdo que pretende dar a coñecer a cidade a través do teatro e a música.

 

Víctor Coyote, no Curruncho Pop

Carballo

Biblioteca Rego da Balsa

20.30h

Concerto con temas do seu último traballo, con versións en portugués de Roberto Carlos, Amália Rodrigues ou Jorge Ferreira, no marco do festival Curruncho Pop.

 

Allstar de Billarda en Laxe

Laxe

Praia de Laxe

12.00h

A Liga Nacional de Billarda volta a Laxe, recuperando este deporte tradicional e gozando da boa música con concertos de Druídas da Rolda, Ismael Pérez, Xenderal, etc.

 

II Feira do disco e libro galego

Monterroso

A Cúpula

10.30-21.30h

Obradoiros, actividades infantís en espazos integrados na feira, presentacións literarias e actuacións musicais... Unha xornada imprescindíbel que amalgama música e literatura.

 

  • Sábado e domingo

 

Festival Atlántica

Compostela, Teo, A Coruña, Ferrol, Lalín, Vigo, Ourense, A Estrada

Varios lugares

A V edición do Festival Internacional de Narración Oral desprega un ano máis a súas redes de contos, enfiadas con historias para todas as idades.

 

  • Domingo

 

Pegadas...

Narón

Café Teatro do Pazo da Cultura

19.00h

Unha peza teatral, unha historia construída a partir das pegadas literarias de Suso de Toro, Anxos Sumai, Pérez Galdós, Manuel Pazos, Eurípides e Laila Ripoll.