Os problemas de aloxamento alén do piso de aluguer: só dous de cada cen universitarios teñen acceso a residencias públicas

Colexio Maior Fonseca, no campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela. (Foto: USC)
As universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo reúnen nos seus campus universitarios, cada ano, máis de 70.000 estudantes aos que proporciona, en total, unhas 1.500 prazas públicas de aloxamento en colexios maiores e residencias universitarias. A oferta é moi inferior á demanda e á necesidade de vivenda, que vira cara ao sector privado e o mercado de aluguer.

Con 910 prazas ofertadas para o curso 2024-2025, a Universidade de Santiago de Compostela é a institución académica galega que máis posibilidades de aloxamento público proporciona ao seu alumnado e comunidade universitaria. Segundo apuntan desde a propia USC a Nós Diario, esta é unha das universidades do Estado que maior ratio ten de praza por estudante. Porén, a demanda supera o oferta dispoñíbel ano tras ano.

Desde o 28 de maio até o 27 de xuño pasado a universidade compostelá recibiu perto de 3.000 solicitudes —un 7% máis que o ano pasado— para ocupar a partir do vindeiro 6 de setembro unha praza nalgún dos cuartos individuais, compartidos ou adaptados habilitados nos seis centros públicos que conforman o Servizo Universitario de Residencias (SUR): tres colexios maiores –Rodríguez Cadarso, San Clemente e Fonseca– e tres residencias universitarias –Monte da Condesa, Burgo das Nacións e Jesús Bal e Gai–, das cales só unha –a Bal e Gai, con 90 cuartos individuais– dá cobertura ao alumnado que estuda no campus universitario de Lugo.

Así, con case 26.000 alumnas e alumnos, a USC ofrece unha praza pública de aloxamento para cada 28 estudantes, cuxo prezo mensual oscila, en función da Renda Persoal Dispoñíbel e do cuarto elixido, entre os 42 euros ou os 62 e os 251 ou os 292 euros segundo se trate dun cuarto dobre compartido ou dun individual.

A esta rede pública de residencias e colexios maiores, as cidades de Santiago de Compostela e Lugo suman outra rede externa, allea á USC e de carácter privado, en total cinco centros que achegan outras 500 prazas con servizos de aloxamento que poden chegar a triplicar os prezos máis altos fixados polo Servizo Universitario de Residencias.

Sen oferta pública

A oferta privada é maioritaria nos tres campus da Universidade de Vigo, cunha vintena de propostas destinadas aos case 20.000 estudantes que cursan algunha titulación nas cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra. Só as cidades de Vigo e Ourense contan con aloxamentos propios da UVigo, mais de xestión privada, cunha oferta que abeira as 450 prazas, unha para cada 44 estudantes.

No campus de Lagoas-Marcosende (coñecido como CUVI), en Vigo, está a Residencia Universitaria O Castro, que este curso acolleu 232 alumnas e alumnos. No campus das Lagoas de Ourense está a Residencia As Burgas, que até o mes de xuño atendeu 200 estudantes. De cara ao vindeiro curso, Resa Residencias, concesionaria do servizo, ofrece estudios individuais desde 370 euros o mes máis gastos en Vigo, e cuartos compartidos desde 285 euros máis gastos, en Ourense.

En declaracións a Nós Diario, Joan Mira, Regional Operations Manager de Resa na Galiza, confirma que de cara ao curso 2024-2025, a residencia As Burgas "xa está ao completo –198 prazas– e conta con lista de espera", mentres que a residencia O Castro –218 prazas – e Resa Siglo XXI Burgas –integramente privada e con 246 prazas dispoñíbeis–  "prevemos que estean completas nos próximos días". Segundo Mira, "está a ser un ano moi positivo xa que a respecto dos dous últimos cursos experimentamos un incremento da demanda de máis de 20%".

Estes dous destinos universitarios contan cunha opción de aloxamento concertada coa UVigo que leva a comunidade universitaria a vilas da contorna: Baiona, no caso de Vigo, e Allariz –Complexo residencial concertado Alcai– no de Ourense, cun servizo diario de autobuses que conecta o alumnado co seu lugar de residencia. Só o campus de Pontevedra fica sen oferta pública. A única alternativa, ademais das vivendas de aluguer, é a Residencia de estudantes Afundación, un centro privado de Abanca con 140 prazas dispoñíbeis. Porén, existe o compromiso da UVigo de promover co apoio da Xunta e do Concello de Pontevedra un aloxamento público na cidade.

Por último, a Universidade da Coruña conta con dous centros propios: a Residencia Pública Universitaria da Coruña Elvira Bao, que dispón de 100 prazas para o curso que vén, e a Residencia Pública Universitaria de Ferrol, que ofrece 21, en total, 121 prazas para perto de 25.000 estudantes de grao, mestrado, doutoramento ou posgrao. En ambos os dous centros os prezos dos cuartos oscilan entre os 119 e os 253 euros, segundo figura na web da UDC. O aloxamento privado e un mercado de aluguer cada vez máis caro e inaccesíbel é única alternativa para a maioría do estudantado na Galiza.