Ofrecen consultas xurídicas gratuítas ás persoas usuarias das residencias de maiores

Residencias (Arxina)

A Asociación Galega de Consumidoras e Usuarias (ACOUGA) anuncia que pon a disposición de quen o precise a súa estrutura xurídica para garantir os seus dereitos e reclamar prexuízos pola neglixencia do seus xestores.

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) anuncia que pon ao dispor das persoas usuarias das residencias e das súas titoras e familiares, a súa estrutura xurídica sen custe algún para garantir os seus dereitos e reclamar prexuízos pola neglixencia do seus xestores.

A razón desta decisión é, segundo sinalan nun comunicado, que “na última semana, 60% das persoas falecidas na Galiza pola COVID-19 morreron en residencias de maiores”

Esta entidade algunhas das eivas que se detectaron nas residencias galegas como “a falla de equipas de protección individual (EPI), falta de persoal por quendas e falla de previsión das persoas responsábeis da xestión das institución e da Xunta da Galiza”.

Poñen como exemplo a residencia pública compostelá da Volta do Castro que “esta fin de semana última non existía ningún positivo, mentres que os dados das residencias de DomusVi de Barreiros-Vigo, Cangas e a compostelá de San Lázaro (as dúas primeiras intervidas pola Xunta) e a ourensá da Nosa Señora da Esperanza da Fundación San Rosendo, as cifras canto a contaxios e mortes son arrepiantes”.

Máis control das residencias públicas de xestión privada

Xoán Antón Pérez Lema, secretario xeral de ACOUGA, explica a Nós Diario que “polo que parece nas residencias públicas non teñen positivos e o problema está focalizado en determinadas residencias privadas”. Explica que máis alá das xa intervidas, “pode haber outras que teñan fendas de positivos”.

Esta circunstancia fai que desde ACOUGA distinguen entre usuarias e usuarios daquelas residencias que xa están intervidas “nas que hai que deixar actuar ás autoridades e cando isto remate poderán pedir as investigacións e accións xurídicas oportunas”.

“Noutras residencias”, segundo Pérez Lema, “se empeora a situación debería de haber unha denuncia inmediata diante da Xunta da Galiza ou no xulgado para que se adopten as medidas cautelares que permitan que se supere ese problema”.

No caso das residencias DomusVi de Vimianzo, Ourense e Monforte de Lemos, Pérez Lema lembra que “son propiedade de Afundación e construídas en terreos cedidos polos concellos” polo que “están suxeitas ao padroado no que está a Xunta da Galiza e debería ter un control complementario”.

A asociación entende que estes feitos poden ser denunciábeis e, nalgún caso, mesmo se podería chegar á vía penal. Por este motivo  abre un servizo de consulta sen custo algún a través do correo electrónico: acouga@acouga.net.

En situación de calamidade está prohibido que avogadas e procuradoras presten servizos xurídicos polo que ACOUGA responderá mais terá que ser a persoa usuaria quen tome a decisión de pedir algún tipo de información adicional a través dunha petición expresa, escrita e espontánea.