Okupan un ambulatorio contra o ''oportunismo electoral'' de Feijóo coa sanidade

Após reunírense coa Xunta, varios colectivos en defensa da poboación inmigrante consideran ''intolerábel'' a instrución interna que só adía en seis meses a aplicación do decreto contra a asistencia sanitaria universal. Entrementres unhas 50 persoas ocupan as instalacións dun ambulatorio en Compostela para protestaren contra o "oportunismo electoral" de Feijóo

A Instrución que a consellaría de Sanidade emitiu a finais da semana pasada, e que foi aplaudida desde os medios de comunicación como un sinal de "rebeldía" do goberno galego contra o RD 16/2012 ditado desde Madrid, non é senón unha medida electoralista que pon data de caducidade á sanidade universal: seis meses.

Así o denunciaron esta segunda feira os colectivos Foro galego de inmigración, SOS sanidade pública, Médicos do mundo e Asociación galega de medicina familiar, na rolda de prensa en que valoraron a reunión que mantiveron coa titular de Sanidade, Rocío Mosquera, na sexta feira. Pola súa banda, ao redor de 50 persoas secundaron á primeira hora desta mañá a chamada do sindicato CUT para ocuparen as instalacións do centro médico Concepción Arenal, en Compostela. Nun comunicado, a central chama á desobediencia civil "cando o racismo e a xenofobia son un feito".

Unha exclusión ''intolerábel''
Así as cousas, ás portas do devandito ambulatorio compareceron representantes de todas as organizacións antes citadas para reiteraren máis unha vez o rexeitamento á normativa estatal, que impide o acceso á tarxeta sanitaria ás persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa. Respecto da xuntanza con Mosquera, consideran "intolerábel" a exclusión de persoas en función de se reúnen ou non determinados criterios de empadroamento, e piden que se acepten como xustificación da residencia na Galiza fórmulas diferentes do padrón municipal. Lembran estes colectivos a dificultade de figurar en tal padrón que teñen @s inmigrantes irregulares e engaden que no país viven xa persoas sen dereito a cartón sanitario.

Para alén da moratoria de seis meses sobre a aplicación do RD 16/2012, deixando pasar as eleccións do 21 de outubro, a Instrución emitida polo departamento que dirixe Rocío Mosquera contempla a posta en funcionamento dun cartón especial para persoas sen permiso de residencia na Galiza que leven seis meses empadroadas, para alén de acreditaren que carecen de recursos.

Sobre este programa de atención alternativo "presentado de maneira electoralista e concreción práctica", Foro galego de inmigración e o resto de colectivos que fixeron parte da reunión coa conselleira, exixen a eliminación de calquera criterio "discriminatorio", como o empadroamento; unha prestación de servizos sanitarios "completa e idéntica" á do resto da cidadanía; alén de que a atención sanitaria "en condicións de igualdade" se espalle tamén para todas aquelas persoas que se establezan na Galiza após o 1 de setembro para rachar así co que consideran "un claro caso de xenofobia institucional disfrazada de crise".

Okupar contra o 'apartheid sanitario' e pola desobediencia como dereito
Na mesma liña pronunciáronse desde a CUT no comunicado feito público tras a ocupación do centro médico Concepción Arenal. Acusan desde a central sindical o goberno de Feijóo de se aproveitaren da "exclusión xenófoba" do colectivo inmigrante do dereito á sanidade pública para tiraren cara a adiante cunha medida --a Instrución xa mencionada-- que definen como "oportunismo electoral, insuficiente e discrecional".

Unha palestra da cal, baixo o leva Apartheid sanitario e políticas migratorias, farán parte persoas do Foro de inmigración, o colectivo Cambalache e Médicos do mundo; proxeccións, reparto de material informativo e unha asemblea con profesionais da medicina son algunhas das actividades que ocuparán o tempo d@s alí fechad@s até as oito do serán, hora para a que está convocada unha concentración diante do ambulatorio, anunciada baixo o lema Racismo é un feito, insubmisión un dereito.

A Instrución, da cal pouco se sabe pois o goberno galego non fixo aínda oficial o seu contido, non supón máis que "un matiz" ao decreto estatal que oculta entre as súas liñas "a verdadeira sintonía" da Xunta do PP coa achega de "segregación racial e económica" na sanidade pública que instaurou Mariano Rajoy.

Quéixanse desde o sindicato de que nada se aclara no documento interno da consellaría ao redor da situación d@s inmigrantes que fiquen sen se empadroaren ou que cheguen ao noso país após o 1 de setembro. E é que o estabelecemento do IPREM --Indicador público da renda de efectos múltiples-- como teito económico para a cobertura gratuíta traducirase en que calquera persoa cuns ingresos anuais que igualen ou superen os 6.390,13€ terán que pagar un seguro médico de entre 710 e 1.864€. O IPREM sitúase moi por debaixo do umbral da pobreza, segundo o Instituto galego de estatística.