Olladas e palabras de mulleres xúntanse nun caderno para irmos 'Rachando Inercias'

Son 11 as mozas creadoras que fixeron posíbel esta iniciativa promovida pola plataforma cultural Sonda Norte que contou co apoio do Centro de información ás mulleres (CIM) de Ribadeo, así como das concellarías de Mocidade e Igualdade


Non lle importa que dirán, é ceibe
inconformista, desobediente,
indisciplinada, rebelde, maxistral,
impecable, excelente. 
Míraa, é única

 

Son os derradeiros versos do poema que Tania Penabad escribiu con 15 anos e que achegou para que fora incluído no caderno Rachando Inercias, unha iniciativa que conxuga as palabras e as imaxes con que as once mozas creadoras quixeron soterrar "uns estereotipos que non mudaron tanto co paso dos anos, unha inercia contra a que hai que empurrar para a podermos rachar".



Fala Silvia Murias, coordinadora do caderno e poeta, quen explica que a maneira de traballar foi facendo parellas onde unha muller achegaba unha imaxe ou un debuxo propio e a outra procuraba no seu haber uns versos que fosen acaídos, ou á inversa.

Malia que non houbo nunca unha temática predefinida ao redor da cal crear, son varios os poemas que se revolven en contra da idea do amor romántico e que reflicten preocupacións comúns.

Xeracións distintas, as mesmas preocupacións
 

"Sorprendeume que coincidisen os temas porque non saíron do consenso entre nós mais vén deixar claro que, aínda que somos de distintas idades e de distintas xeracións (hai mulleres de 15 anos e mulleres de 30, por exemplo) as nosas preocupacións si que son as mesmas!" O caderno foi editado integramente en galego, rachando de paso coas inercias que rodean a nosa lingua propia. 

A Tania Penabad avisárona no instituto onde estuda 4º da ESO, o Porta da Auga, en Ribadeo. "Ao principio estaba moi indecisa, quería presentarme mais non me daba animado". Porén, buscou entre os seus poemas, que xa tiña escritos pois, para alén do fútbol, a outra afección desta ribadense é a poesía. "É a miña maneira de lle facer ver ao mundo a realidade ou de lle facer ver á realidade o meu mundo", subliña ao falar de si propia na contracapa do caderno. Para incluír no caderno escolleu os versos de Míraa, é única "porque eran feministas e encaixaban na idea que eu tiña sobre o libro". 

A renglón seguido, a moza explica cun exemplo que é para ela o feminismo: "construíndo unha casa, na obra, é probábel que as mulleres non poidan levantar o mesmo peso que os homes pola súa constitución física; porén, non se lles debe negar que o intenten só polo feito de seren mulleres. Está claro que non somos iguais aos homes mais debemos ter exactamente os mesmos dereitos".

"É feminista porque fala dunha muller rebelde"

Quedou claro. Preguntamos agora por que é feminista o seu poema: "porque falo dunha muller á quen lle relocen os ollos, que ten toda a forza, que ri a gargalladas. Non é ninguén en concreto, senón como deberiamos ser todas: mulleres rebeldes".

No xogo das parellas, Penabad buscou a imaxe das súas palabras entre as fotografías de Alba López, estudante de 1º de bacharelato no mesmo instituto. Di que no futuro quere ser xornalista. Na foto que racha inercias hai uns barrotes e semella tomada cun obxectivo ollo de peixe. Titúlase Onde? e a sensación de falta de liberdade que transmite racha coas ansias dela que teñen os versos que a acompañan.

"O que quixemos transmitir foi ese contraste onde eu poño as ganas, as forzas, berro contra esas reixas. Empurro e, ao final, consigo derrubalas, claro". Un furacán de rebeldía feminina e feminista é o que carrexa até nós este caderno, unha iniciativa da plataforma cultural Sonda Norte que contou co apoio do Centro de información ás mulleres (CIM) de Ribadeo, así como das concellarías de Mocidade e Igualdade.


NOTA: A imaxe corresponde á presentación do caderno na libraría Lila, en Compostela. A mesa partíllana Silivia Murias, Alba López, Tania Penabad e Silvia Muíña.